Éxito de convocatoria do XI Certame Literario Conde de Gondomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+

O pasado 13 de abril pechouse o prazo para a presentación de obras ao XI Certame Literario Conde de Gondomar de poesía e relato curto convocado pola Concellaría de Educación e, a xulgar polo número de obras recollidas, a proposta tivo un gran nivel de convocatoria.

115 escritos, entre poesía e relato curto, optan este ano ao premio deste certame literario, “todos eles dunha gran calidade tanto narrativa coma poética”, afirma Paula Bouzós, concelleira de Educación do municipio.

Agora, resta que os xurados (un por cada modalidade e compostos de tres membros cada un) avalíen os documentos, cheguen a un acordo para seleccionar ao mellor e fagan público o resultado, información que se dará a coñecer o próximo 21 de xuño na entrega de premios.

Nesta edición haberá dous premios por cada nivel, un por poesía e outro por relato curto, ademais dun premio, por valor de 250 euros, para o centro educativo con maior participación e calidade.

– NIVEL1: terceiro ciclo de Educación Primaria. Dous premios por valor de 150 euros
– NIVEL 2: primeiro, segundo e terceiro da ESO. Dous premios por valor de 200 euros
– NIVEL 3: cuarto da ESO e Bacharelato. Dous premios por valor de 300 euros

Xunto ao premio económico farase entrega dun libro editado coas obras gañadoras do certame.

Dende o Concello de Gondomar quérese agradecer, a todos os colexios e alumnos participantes, o que para eles é un grande éxito de participación, xa que con estas 115 obras se superaron todas as súas expectativas.

25 de abril de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.