Excursións para inculcar o respeto á natureza dende a infancia
Dende o Concello de Carnota, Departamento de Cultura e Deportes, estase a ofertar unha nova actividade, da cal se realizou este pasado venres 19 de abril a súa primeira fase, con gran éxito de participación e resultado.
Trátase de organizar cos rapaces de catro anos en diante, tamén con adolescentes (grupos diferenciados por idades e por obxectivos), saídas didácticas e excursións aos enclaves máis significativos do noso concello, para divulgar os nosos recursos naturais e fomentar actitudes de respecto cara ao medio.
Organizaranse excursións á praia, para observar e identificar os diferentes tipos de rochas, de area, etc.; saídas ao monte, para observar a vexetación e os recursos naturais; xornadas de limpeza de praias, etc.
Todo isto da man de Sven, voluntario experto na natureza e nos seus recursos, que dun xeito moi didáctico guiaría as actividades, acompañado dunha das monitoras do Concello.
Primeira xornada ao Monte Pindo
O pasado venres a saída foi ao Monte Pindo por Chan de Lamas, onde 18 nenos/as disfrutaron dunha fermosa tarde, escalando as rochas do Olimpo Celta, aprendendo a coidar a natureza e xogando ao aire libre. Chegados preto do Castelo, nunha fermosa cova, os rapaces atoparon a unha fada e un trasno. Qué gran sorpresa! Eles viven alí, así que lles amosaron a súa inmensa casa a todos os cativos e convidáronos a probar ricos doces feitos con productos naturais, das súas hortas. Amosáronlles tamén os recunchos do monte e xogaron con eles, pero chegadas as sete e media da tarde, despois de tres horas, os rapaces de Carnota tiveron que volver, pois os seus pais esperábanos abaixo. Despedíronse de “Duendelina” e a fada prometéndolle que volverán xogar con elas.