O xoves remata o prazo para solicitar as Becas Leonardo, coas que 25 mozos poderán desfrutar dunha estadía formativa en Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Concellería de Educación do Concello de Ourense quere lembrar a tódolos interesados que ata pasado mañá, xoves, día 2 de maio, está aberto o prazo para solicitar as Becas Leonardo da Vinci, coas que mozos ourensáns poderán desfrutar dunha estadía formativa de 12 semanas de duración en catro cidades europeas: Lisboa (Portugal), Florencia (Italia), Dublín (Irlanda) e Portsmouth (Reino Unido), aprender o idioma e realizar prácticas laborais en empresas do seu sector de actividade.

As becas están dirixidas a mozos de entre 18 e 30 anos que remataran o ciclo superior de Formación Profesional. En caso de non cubrirse tódalas prazas, poderán optar tamén licenciados, diplomados ou graduados universitarios.

O programa Leonardo da Vinci é unha iniciativa da Unión Europea que ten como obxectivo contribuír á mellora da calidade e innovación dos sistemas educativos apoiando as actividades de formación con miras a acadar un maior grao de desenvolvemento persoal, empregabilidade e participación no mercado laboral europeo. O programa suporá un investimento de 75.337,50 euros.

Os participantes permanecerán 12 semanas, entre setembro e decembro, no país de destino, onde realizarán un curso intensivo de idioma e preparación cultural (3 semanas) e prácticas profesionais en empresas relacionadas coa súa formación ou experiencia laboral (as 9 semanas restantes). As becas inclúen desprazamento ida e volta, aloxamento, seguemento de titores, cursos de formación, seguro médico e búsqueda de empresas para realizar as prácticas, entre outros aspectos.

Tódolos interesados poden solicitar máis información e recoller os formularios de inscrición na Concellería de Educación, na Praza de San Martiño, 2, 1º, teléfono 988 388136 e consultar as bases da convocatoria na páxina web do Concello de Ourense www.ourense.es ou da Concellería de Educación www.educacionourense.es. As solicitudes deberanse presentar por Rexistro Xeral do Concello ata o día 2 de maio.

30 de abril de 2013 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.