Este venres teatro para todos os públicos en Paiosaco e A Laracha

Escea da obra “Miau”
Este venres o Concello da Laracha ofrece unha dobre oferta teatral coa segunda actuación do programa Vente a ver teatro de Paiosaco e a primeira das obras incluídas no cartel co que se celebra o Mes do Libro. En ambos casos as entradas son libres e gratuítas.
Mes do Libro (A Laracha)
Por orde cronolóxica, a Casa da Cultura acollerá a partir das 18.00 horas a obra de teatro infantil titulada Miau, dirixida a nenos de entre un e seis anos de idade. O espectáculo inclúese no programa do Mes do Libro e o obxectivo é fomentar e facer máis atraínte a lectura entre os asistentes por medio desta proposta divertida e cultural para os rapaces máis pequenos.
Vente a ver teatro (Paiosaco)
Despois do monólogo de Isabel Risco que abriu a semana pasado o programa de teatro de Paiosaco, este venres no auditorio do centro sociocultural proponse un espectáculo clown protagonizado polos cómicos Pedro Brandariz e Fran Rei, actualmente colaboradores no programa Luar, da televisión de Galicia.
No show trátase de romper co mito da seriedade dos medicamentos e os tabúes da sanidade baixo a escusa da inauguración dun novo centro de saúde na vila. Dous políticos descobren a placa conmemorativa e, de paso, aproveitan a ocasión para falar das melloras na sanidade promovidas polo seu goberno.
A actuación comezará ás 21.00 horas e vai dirixida preferentemente a maiores de doce anos de idade.











