Esta semana procederase ao fresado e pavimentado da rúa Ponte en Ponte Caldelas
O Alcalde de Pone Caldelas Perfecto Rodríguez informou que nesta semana se procederá ao fresado e pavimentado da C/Ponte no centro da vila, polo que durante algúns días se prohibirá o estacionamento nesta rúa ademais de establecerse restricións temporais de tráfico en función do ritmo dos traballos.
Estas actuacións execútanse dentro das obras de reforma da estrada PO-255 ponte Caldelas – Caritel – Forzáns que está a executar a empresa COPASA, porque precisamente esta estrada se inicia no cruzamento da C/Ponte que é o punto quilométrico 0.
No día de hoxe operarios municipais están a proceder a rebaixar os pozos de rexistro e sumidoiros existentes, debido a que, tal e como solicitou o Alcalde, se vai rebaixar a cota do firme da C/Ponte ao nivel que tiña antes da súa última pavimentación, para evitar así que se produzan inundacións nalgúns garaxes. Na actualidade nalgunhas zonas o firme da rúa está máis alto que o bordo da beirarrúa e iso é o que se vai corrixir.
Hai unhas semanas o Concello e a empresa eléctrica ELEMOL tamén realizaron unhas gabias nesta rúa para canalizacións soterradas de canalizacións de saneamento, pluviais e cableado eléctrico, co obxectivo de que unha vez pavimentado o vial non haxa que facer novas actuacións.
Ademais co novo pavimentado instalaranse 3 pasos de peóns, 2 deles elevados ao principio e final da rúa que contribuirán a mellorar a seguridade vial garantindo que se respecten os límites de velocidade na zona urbana. O pintado da rúa reducirá algunhas prazas de aparcadoiro debido á normativa aplicable que obriga a restrinxir o aparcadoiro algúns metros antes e despois dos pasos de peóns.
Perfecto Rodríguez destaca a “coordinación que está a existir entre os responsables da obra e o propio Concello para a execución destes traballos o que garante que cando se finalicen, ademais da mellora viaria que supón, tamén nos está a permitir mellorar varios servizos municipais”.











