Escolares do Sagrado Corazón fan mañá o Roteiro dos Bolechas
O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, segue a ofrecer o roteiro Bolechas para dinamizar o uso da lingua entre nenos e nenas de infantil e 1º ciclo de educación primaria. Coa Excursión pola zona vella de Pontevedra os máis pequenos farán un percorrido guiado polo centro histórico da cidade do Lérez da man dos personaxes creados por Pepe Carreiro, os Bolechas, co obxecto de ligar o uso do noso idioma aos espazos urbanos da cidade, recuperar e difundir a memoria histórica de Pontevedra inserida no contorno xeral da historia de Galicia e dinamizar os usos orais da lingua galega no ámbito urbano.
O xoves 25 de abril farán o roteiro un grupo de 25 alumnos/as do Sagrado Corazón, que sairán da praza da Peregrina ás 10 horas. O pasado martes e mércores fixeron tamén este roteiro outros dous grupos de 25 alumnos/as deste centro, polo que o total de nenos e nenas do Sagrado Corazón que coñeceron mellor Pontevedra da man dos Bolechas foi un total de 75.
Ao remate do roteiro cada participante será obsequiado con cadanseu exemplar da publicación Excursión pola zona vella de Pontevedra cos Bolechas.
Por mor da climatoloxía adversa, ou por outras circunstancias, esta visita podería sufrir modificacións. De ser así, procuraremos mantelos informados.











