Entra en funcionamento o novo servizo de recollida de animais en Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocalLocal Portada
A-
A+

O concello de Baiona dispón dende hoxe cun servizo de asistencia Intermunicipal de recollida de animais as 24 horas do día, durante todo o ano. Esta prestación realízase de forma conxunta con outros concellos a través da Deputación de Pontevedra. As persoas que necesiten esta prestación deberán contactar coa policía Local de Baiona nos teléfonos 986358011 e 608883002.

O servizo realízase de acordo ao que establece o convenio marco de colaboración entre a Excelentísima Deputación e os concellos de menos de 50.000 habitantes como é o caso de Baiona, para o establecemento do servizo de lazaría de animais domésticos abandonados, para a xestión do centro de acollida e protección animal de Armenteira.

O Centro de acollida e protección de animais abandonados está xestionado pola empresa pública estatal TRAGSA e pretende ser un referente a nivel provincial xa que é o primeiro centro público destas características autorizado pola Xunta de Galicia. A Deputación pola súa banda garante o máximo respecto ás necesidades, ao benestar e dereitos dos animais adiantándose ao marco xurídico solicitado na resolución de Xullo de 2012 da Eurocámara.

No caso de que se encontre un animal abandonado, avisar a Policía da localidade (en Baiona 986358011 e 608883002) e indicar o lugar exacto en que se encontra.

Recollida de animais de propiedade privada: para a recollida de animais vagabundos ou abandonados en propiedade privada, será necesaria a autorización expresa e por escrito de titular ou responsable da propiedade, ou a presenza dunha autoridade que o autorice.
Recollida de animais con propietario: A empresa xestora colaborará na recollida, incautación ou acollida de animais retirados polas administracións públicas, sempre que a Deputación de Pontevedra o autorice ou solicite.

Dende o concello de Baiona quérese transmitir unha mensaxe de responsabilidade a todas as persoas propietarias de animais para que se impliquen no correcto coidado destes co fin de erradicar ou diminuír o maltrato e o abandono. Por outra parte, tamén se invita os propietarios a ser solidarios cos demais usuarios da vía pública recollendo os excrementos das súas mascotas.

9 de abril de 2013 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.