En maio porase en marcha unha feira os sábados que se celebrará na praza de Lalín
A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, sinala que “ata o día 15 de abril, inclusive, se pode anotar os comerciantes ou produtores que queiran participar neste mercado sabatino no que xa están confirmados a participación dos seguintes produtos: hortalizas, froitas e verduras, mel, queixo e algún produto artesanal” O día 16 terá lugar a segunda reunión xa para concretar número de participantes iniciais e condicións dos stands
Lalín contará cunha Feira os sábados que arrancará previsiblemente na segunda quincena do mes de maio. A reunión promovida na tarde de onte pola Concellería de Actividade Económica, Comercio e Emprego que dirixe María José Batán cos principais sectores implicados obtivo unha resposta máis que positiva para poñer en marcha esta iniciativa para dinamizar a economía local mediante a venda de produtos agroalimentarios e artesanais feitos e producidos no municipio. Unha idea que fora proposta polo alcalde de Lalín, José Crespo, aos comerciantes nunha reunión mantida a comezos do mes de marzo.
Á xuntanza de onte asistiron produtores de horta, mel, queixo, repostería, representantes do Centro Comercial Aberto e da asociación de Panadeiros “Pan de Lalín” e diversos comerciantes a nivel particular, en total sobre unha vinte persoas.
María José Batán informa que “este mercado sabatino se desenvolverá na Praza da Igrexa, un lugar estratéxico pola súa localización, integrado totalmente no pobo, no núcleo do Centro Comercial Aberto, localización idónea que cremos que axudará a mobilizar e a dinamizar esta Feira dos sábados, ao ser lugar constante de paso e circulación da xente”.
A responsable municipal sinala que “inicialmente o mercado está pensado para participantes de Lalín, se ben non se descarta participantes do resto da Comarca ou doutras zonas, sempre co obxectivo común de enriquecer e potenciar esta acción comercial e de contemplala como unha oportunidade para todos e de sacarlle aproveitamento conxunto”. “Aínda que se consolidará co tempo dun xeito progresivo -afirma- cremos totalmente nas potencialidades de Lalín para a posta en marcha da dita Feira”.
“Inicialmente a Feira dos sábados arrancará con postos de alimentación e tamén de artesanía combinado con actividades para os máis pequenos, como reclamo para os clientes e como actividade lúdica e formativa para os/as nenos/as”, concreta. “Estas actividades de entretemento para os máis cativos foron propostos polos asistentes que acordaron desenvolver a través de obradoiros coordinados polos propios vendedores, de xeito que reproduzan os oficios artesanais ou a elaboración de produtos alimenticios básicos como o pan”, explica.
“No encontro de onte acordamos dar o prazo dunha semana para ir confirmando as persoas participantes que poderán concretar o seu compromiso ata o día 15, inclusive”, informa Batán. “Os potenciais interesados en participar poden informarse ao longo destes días na Concellería de Actividade Económica, Comercio e Emprego”, subliña. “Ata día de hoxe -precisa- está confirmado a presenza dos seguintes produtos: hortalizas, froitas e verduras, mel, queixo e productos artesanais”.
Batán puntualiza que “o día 16, unha vez rematado o prazo dado para anotarse para participar na Feira dos sábados, convocarase a seguinte reunión que será o vindeiro martes ás 19.00 horas, na Casa Consistorial, xa para concretar o número de expositores e os modelos de stands, etc. de cara a xa poñela en marcha en maio; calculamos que na segunda quincena e traballaremos para ver se é posible arrancala xa o 18 de maio”.
Batán anuncia que “na reunión de onte comprometémosnos a traballar neste mes desde o Concello na difusión e promoción do evento, en Lalín e noutras localidades e intentaremos dar o maior número de facilidades na fase experimental de dous meses de compromiso de participación que se lle pide aos expositores co obxectivo de facilitar a implantación deste mercado sabatino”.
“Tamén na reunión de onte se expuxo o borrador dunhas bases ou regulamento polo que se rexerá o funcionamento do mencionado mercado que recollen os requisitos mínimos de calidade, estética, cumprimento da normativa sanitaria, etc. e tamén regulan a participación dos vendedores”, concreta.
“Desde o Concello o propio alcalde xa manifestou o interese por apoiar ao cen por cen esta iniciativa e dar as máximas facilidades para o arranque da mesma”, precisa. “Os comerciantes aceptan que os stands deberán cumprir unhas normas de imaxe e calidade potenciando que sexan de materiais como madeira, tea, e que encaixen o máximo posible co entorno no que se enmarcan”, subliña.











