Educación familiar traballa cos maiores nun programa de formación e igualdade de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+
Instante da actividade con maiores

Instante da actividade con maiores

O departamento municipal de Educación Familiar  impulsa unha nova fase do proxecto “Os Pinceis de Artemisia”, unha experiencia de formación en temas de igualdade de xénero.

Seguindo as pautas do libro do mesmo nome publicado pola ONG InteRed, esta acción está dirixida ao grupo de persoas que participa no programa de maiores desenvolto polo Concello de Tomiño dende hai varios anos.

A educadora familiar, Isabel Ayán, explicou que esta primeira sesión, celebrada na mañá de hoxe, estivo centrada no tema dos “Coidados”, dende a perspectiva dos maiores. Coordinados ademais por un equipo técnico de colaboradores da ONG InteRed, os participantes tiveron, en primeiro lugar, que lembrar e expresar como eran os coidados (e/ou as carencias neste aspecto) na súa infancia e xuventude. Coma tarefa para a próxima xuntanza, terán que aportar “unha historia de coidados” vivida nalgún momento das súas vidas.

A segunda fase da actividade consistirá en “construír” unha cámara de fotos de modo artesanal para tomar unha instantánea sobre o que para cada un, significa coidar (dos demais, dun mesmo, dos animais, da natureza, etc.).

A educadora familiar do Concello agradeceu o traballo desinteresado dos colaboradores e adiantou que está previsto celebrar tamén unha terceira fase, cun encontro interxeracional dos maiores e nenos de primaria de colexios da vila, co fin de realizar diversas actividades relacionadas cos coidados e coordinadas polo grupo de maiores.

Finalmente, habería unha posta en común do aprendido e exporíanse as conclusións alcanzadas sobre o significado dos coidados e prácticas desexables neste eido.

9 de abril de 2013 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.