Don Quijote regresa á vida no auditorio de Vilagarcía a través do actor José Sancristán
O galardoado actor José Sancristán subirá o venres ao escenario do Auditorio para poñerse na pel de Alonso Quijano, ou o que é o mesmo, de Don Quijote de la Mancha. A representación de “Yo soy don Quijote de la Mancha” é unha adaptación da obra de Cervantes dirixida por Luis Bermejo e interpretada por Fernando Soto, no papel de Sancho Panza; e Almudena Ramos, no de Sanchica, a filla do fiel escudeiro. As entradas pódense mercar a 16, 14 e 12 euros a través de www.servinova.com e da billeteira telefónica 902 504 500; e o día da función, o venres 19 de abril, no Auditorio a partir das sete da tarde e ata ás nove, hora á que dará comezo a representación.
“Yo Soy Don Quijote de la Mancha” representouse xa en numerosas capitais do territorio nacional sendo, a día de hoxe, un dos espectáculos teatrais en cartel máis laureados e aplaudidos polo público e a crítica. A parte do contar cun dos mellores actores españois da historia para dar vida ao “Inxeñioso Hidalgo”, a obra conta con outras moitas garantías de calidade como a dramaturxia firmada por José Ramón Fernández, a dirección de Luis Bermejo e mesmo a música de Ramiro Obedman que o violoncellista, José Luis López, interpreta en directo durante a función.
Críticas unánimes
“Soberbia interpretación de José Sancristán”, “Un Quijote cómico y crítico que invita a creer en el hombre” ou “José Sancristán rescata los valores del mito cervantino y conquista al público”, son só tres dos titulares que este espectáculo ten propiciado nos medios informativos a nivel estatal.
Un heroe idealista necesario no actual desmoronamento da sociedade
“Yo Soy Don Quijote de la Mancha” é unha produción de Metrópoli Teatro na que se, segundo comenta o propio director desta montaxe, “Nesta época que vivimos de desencanto, desmoronamento social, de perda de valores morais, inxustizas, depresión, recesión, de perplexidade cidadá… temos que chamar ao noso heroe para que nos devolva a honra e nos axude a desenmascarar aos mercaderes de sonos que nos oprimen cos seus desexos de cobiza”











