Deputación e Concello de Pontevedra crearán unha senda peonil na ponte das Correntes
A Deputación e o Concello traballan para estender a colaboración institucional que veñen mantendo á construción dunha senda peonil entre o nó de Bombeiros e a ponte das Correntes. Así quedou de manifesto esta mañá na sede do edificio administrativo da Deputación de Pontevedra durante a sinatura do convenio de colaboración entre o presidente esta institución, Rafael Louzán, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que permitirá poñer en marcha as obras da estrada pola que se comunicará con Montecelo e Príncipe Felipe.
Ambos os dous dirixentes coincidiron en cualificar de histórico este acordo, por canto desbloquea unha infraestrutura vital para a cidade, e en destacar o bo entendemento e a vontade de acordo que vén caracterizando as relacións entre a corporación provincial e a local.
Financiamento
As obras contarán cun orzamento de 2.420.000 €, que inclúe a obra, as expropiacións e os gastos de dirección de obra, seguridade e saúde, así como a redacción do proxecto.
A Deputación Provincial financiará o 50% a obra propiamente dita, cunha achega de 900.000 euros cada unha, asumirá a redacción do proxecto (60.000 euros) e a licitación, dirección, execución e recepción das obras, e tramitará as expropiacións.
Pola súa banda, o Concello será o responsable de aboar as expropiacións (cun custo estimado en torno ós 500.000 €) e o 50% da execución da obra.
A obra comunicará a PO-542 (Ponte Bora-OPino) coa PO-532 (Pontevedra Pontecaldelas) e enlazará con Montecelo e Príncipe Felipe, facilitando o acceso non só dos veciños e veciñas das parroquias desta área senón nun formidable acceso para toda a zona sur da provincia.
Este novo viario servirá de alternativa ó atallo que agora se utiliza a través das rúas Pereiras, das Olivas e Ánxel Limeses, rúas hoxe insuficientes e non destinadas a soportar a presión do tráfico que están tendo na actualidade.
A nova estrada terá 2 carrís de 3,50 metros cada un, 2 beiravías pavimentadas dun metro; unha senda peonil de 4 metros e unha cuneta de 2 metros.
Louzán subliñou que se trata dunha infraestrutura que se vén sumar ás outras moitas que a Deputación impulsou na capital da provincia mediante o acordo e a colaboración co Concello, coma Pasarón ou o acceso a Monteporreiro, que, segundo indicou, se pode considerar unha “primeira parte da circunvalación que Pontevedra non ten” e á que agora se sumará a nova estrada O Marco-Príncipe Felipe.
Na mesma liña se manifestou o rexedor local, quen recoñeceu que “esta é unha colaboración imprescindible” e asegurou que “nos gustarían asinar convenios con todo o mundo pero con quen máis asinamos é coa Deputación”, amosando o seu desexo de que se sigan asinando moitos máis.
Senda peonil Bombeiros-Ponte das Correntes
Neste sentido, o presidente da Administración provincial destacou que as conversas co rexedor local e nas que tamén participaron César Mosquera e Ana Isabel Vázquez están permitindo avanzar tamén noutras vías de colaboración, como a creación dunha senda peonil que comunique a zona de Bombeiros coa Ponte das Correntes, dándolle acceso tanto aos traballadores que teñen alí o seu posto como, sobre todo á zona baixa de A Caeira e, incluso, ós que deciden deixar o coche no aparcamento disuasorio que se sitúa no contorno de Bombeiros.
Aínda que recoñeceu que é unha cuestión “con certa complexidade” porque terán que participar varias administracións, Louzán amosouse convencido de que poderá sacarse adiante e, de feito, anunciou que na propia licitación do proxecto da estrada a Montecelo se incluirá un anexo para que a mesma empresa que faga o proxecto desta obra o faga tamén para esta senda peonil.
Unificación da xestión cultural e turística
Outro dos temas abertos á colaboración é a unificación na xestión cultural e turística. Louzán asegurou que non é operativo manter tres oficinas de información turística nunha mesma cidade e, tras asegurar que está próxima a sinatura dun acordo coa Xunta de Galicia para unificar as oficinas da Deputación e da Administración autonómica, insistiu en que o ofrecemento para que o Concello se sume a esta unificación segue en pé.
Louzán incidiu en que está convencido de que a vontade do rexedor local é tamén apostar por esta unificación, tal e como o propio Lores recoñeceu, asegurando que “o racional é coordinar, axilizar e simplificar a promoción turística da cidade”, pero lembrou que hai unha concelleira responsable do ramo a quen corresponden estas cuestións.











