Cultura inaugura a exposición de pintura de Orlanda Gomes no Auditorio de Goián

Orlanda Gomes xunto a unha das obras
A Concellaría de Cultura do Concello de Tomiño inaugurou o pasado venres, 5 de abril, a exposición pictórica de Orlanda Gomes de Faria.
A inauguración tivo lugar ás 20.30 horas no Auditorio de Goián, con asistencia de numeroso público. A encargada de presentar á artista foi Cristina Martínez, concelleira de Cultura, quen salientou a calidade da obra da pintora.
Orlanda Gomes de Faria, nada en Madeira, Portugal, e residente en Tomiño na actualidade, amosará a colección “Olladas de muller”, composta por 16 óleos de estilo realista, entre os que hai bodegóns, flores, paisaxes, etc.
A pintora, que viviu moitos anos en Venezuela, deuse a coñecer en Tomiño na pasada edición da mostra de pintura que o Concello organiza todos os anos durante as Festas do Alivio. Cristina Martínez, concelleira de Cultura, explicou que o éxito obtido polos cadros de Orlanda Gomes, levou á concellaría a pensar na posibilidade de organizar unha exposición individual.
A mostra permanecerá aberta entre o 5 e o 21 de abril, todos os días de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.30 horas.
Por outra parte, Xuxo Malone (artista autodidacta nado en A Guarda e veciño de Tomiño na actualidade) exporá “Imperfeccións”, unha mostra escultórica con diferentes técnicas, entre o 18 de maio e o 2 de xuño. A inauguración desta última mostra será o día 18 de maio ás 20.00 horas.











