Cultura abre o luns o prazo de inscrición para as novas sesións de Aventuras no Aquarium
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, anuncia que o próximo luns, 8 de abril, comeza o prazo de inscrición para as novas sesións do programa Aventuras no Aquarium.
O Concello propón este programa especial de actividades de fin de semana que inclúe experiencias como unha visita á zona técnica do Aquarium ou participar na alimentación das focas. É unha ocasión para aquelas persoas que así o desexen poidan coñecer a Casa dos Peixes dende outra perspectiva e realizar unha actividade especial da man do persoal especializado do centro. As Aventuras no Aquarium propostas son:
– Aventura coas focas. Os asistentes a esta actividade coñecerán os segredos da dieta das focas, prepararanlles a comida e participarán na súa alimentación. Sábados e domingos ás 11.00 horas a partir do 13 de abril. Dirixida a nenos maiores de 7 anos, que deben asistir acompañados dun dos seus pais.
– Viaxe ao centro do Aquarium. Unha visita guiada pola zona técnica, que inclúe instalacións como o laboratorio, a cociña, as salas de filtración ou as salas de corentena. Dirixida a persoas maiores de 14 anos, celebrarase os días 27 e 28 de abril, ás 12.00 horas.
Para participar hai que inscribirse previamente chamando ao teléfono 981 189 842, a partir do 8 de abril, e aboar só o prezo de entrada ao Aquarium (agás titulares de Tarxeta 20 e membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias) xa que é unha actividade sen custo adicional.











