Culleredo renovará a iluminación de dependencias municipais para lograr un aforro dun 40%

Instalacións municipais
O Concello de Culleredo sacará a licitación en abril diversas obras por importe de 579.942,55 euros. Correspóndense ao Plan de Obras e Servizos de 2013, ao Plan Complementario do POST 2012 e diferentes subvencións. As obras serán financiadas en un 75% pola Deputación da Coruña e nun 25% polo Concello.
As actuacións que se contratarán son as seguintes:
– Canalización de augas pluviais e pavimentación da rúa Estreita, na parroquia de Rutis: 157.889,66 euros
– Renovación da rede de auga de Rumbo a Trapa, rúa Liñares e pavimentación da rúa O Cubo: 108.622,73 euros
– Saneamento e pavimentación en Peiro de Arriba e Morteiral: 68.794,19 euros.
– Reforma da iluminación interior das dependencias municipais: 58.230 euros.
– Renovación do parque infantil Sofía Casanova: 49.728,14 euros.
– Construción de rede de saneamento na rúa Obispo Xelmírez e en Toroño: 90.376,61 euros.
– Ampliación de aparcadoiros na avenida de Juan Carlos I, fronte ao Xardín Botánico: 46.101,22 euros.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, sinala que as obras programadas “paliarán as deficiencias detectadas polos servizos municipais e as peticións efectuadas polas asociacións de veciños nalgúns casos”. Coas actuacións de mellora da rede eléctrica en diferentes dependencias municipais preténdese unha diminución de custos, mediante a colocación de lámpadas con tecnoloxía LED e de detectores de presenza.
O goberno local estima que esta actuación logrará un importante aforro na factura eléctrica do Concello, que podería roldar o 40%. Sacristán explica que o obxectivo é crear un sistema de iluminación “eficiente e sostible”, mantendo o necesario servizo para os usuarios.
A ampliación do aparcadoiro do xardín botánico responde a unha solicitude dos usuarios dadas as escasas prazas que existen na actualidade e dado que a dependencia acolle numerosas actividades culturais. Así, crearanse novas prazas na avenida de Juan Carlos I, en sentido Fonteculler.
Con outras obras, como a renovación de auga e a ampliación do saneamento, o Concello continúa co seu plan de mellora das infraestruturas básicas. A idea da primeira consiste en mellorar a rede de auga para evitar fugas e perdas. Coa extensión do saneamento nas dúas zonas mencionadas séguese co proxecto de dotar deste servizo ao 15% de vivendas que aínda non o dispoñen.











