Culleredo recibe máis de 400 solicitudes para o plan de formación para o emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O Concello de Culleredo puxo en marcha unha programación propia composta dunha serie de accións formativas para o emprego, encamiñadas a aumentar a capacidade dos desempregados de cara lograr un traballo. O plan de emprego foi configurado atendendo á demanda do mercado laboral e ó mesmo tempo dirixido a formar na actualización e reciclaxe profesional.

O Concello abriu o 3 de abril o prazo de presentación de solicitudes. Recibíronse máis de 400 demandas dos veciños, das que:

· Máis de 120 corresponden ao curso de Manipulación de cargas con carreta elevadora.

· Máis de 65 corresponden ao curso de Manipulador/a de alimentos.

· Máis de 60 corresponden ao curso de Servizos de bar e cafetería.

· Máis de 50 corresponden ao Taller de apoio á preparación das competencias clave.

O resto das solicitudes distribúense entre as demáis accións formativas ofertadas no programa:

· Ferramentas informáticas básicas para a busca de emprego.

· Técnicas de venda e atención ao/á cliente.

· Habilidades para a busca de emprego

· A idea de emprender

· Creación de empresas.

· Inglés básico na procura de emprego.

A asignación de prazas realizarase a través dunha proba de selección no caso de que o número de solicitudes supere ao de prazas, agás o taller de apoio á preparación das competencias clave que será por orde de inscrición.

O Concello informa de que o vindeiro 24 de abril publicarase no taboleiro de anuncios do Centro Municipal de Formación e Emprego “Pablo Picasso” e na páxina web do Concello de Culleredo os listados de admitidos e os listados de convocados para as probas de selección.

O plan de formación ten un obxectivo claro: incrementar a capacitación e así promover a inserción laboral de veciños que se atopen en situación de desemprego. A Concellaría de Formación deseñou un programa que conta con 224 prazas en modalidades elixidas segundo as necesidades do mercado laboral.

O goberno municipal tivo en conta as necesidades cambiantes dos postos de traballo á hora de configurar a oferta de accións formativas. A concelleira de Formación, Marta Iglesias, considera que a vista da demanda, o programa suscitou o interese dos veciños en situación de desemprego.

O plan de formación terá lugar durante os próximos meses no centro municipal de Formación e Emprego “Pablo Picasso”, situado no Burgo, na rúa Antonio Machado.Está destinado a veciños de Culleredo, preferentemente en situación de desemprego e inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. A inscrición finaliza hoxe.

9 de abril de 2013 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.