Culleredo recibe 51 ofertas de empresas para a licitación do plan de melloras municipais, de 327.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Culleredo volve recibir un grande número de ofertas de empresas para levar a cabo neste caso o plan de actuacións de mellora do municipio, incluído no programa DTC-94 que financia a Deputación da Coruña. Son 51 as propostas rexistradas no prazo de licitación que acaba de finalizar.

A contratación, que consta de 9 paquetes de obras e intervencións, tiña un presuposto de 327.733,88 euros. O Concello confeccionou un conxunto de actuacións para mellorar algúns dos espazos que utilizan os veciños en todas as parroquias. As obras que se cometerán son as seguintes:

– Pavimentación núcleo de Orro: 30.288,30 euros

– Construción de beirarrúas e asfaltado na rúa Xafontes: 41.008,87 euros

– Asfaltado da rúa Os Templarios: 35.205,56 euros

– Diversas pavimentacións no Burgo, Celas e Culleredo: 37.388,44 euros

– Reparacións xerais en beirarrúas e aparcadoiros e reposición de papeleiras: 49.996,23 euros

– Reparacións rúas Hersa e Sanjurjo de Carricarte: 31.232,10 euros

– Reparación senda peonil da Corveira: 31.107,22 euros

– Reparación do valado da polideportiva detrás da Praza Daniel Rodriguez Castelao, ponte no Paseo Marítimo e varanda en Avda. Ribados: 34.209,43 euros

– Reparación do muro existente, pavimento, varanda de protección e beirarrúas en rúas Alfonso VII e Mosteiro de Carracedo: 37.297,73 euros

O inxente número de empresas que decidiron optar ao concurso é similar ao obtido o ano pasado no Plan de Obras e Servizos. Esta situación converteuse en algo frecuente coa crise, o que leva ás empresas a ofertar prezos moi por debaixo do presuposto de
licitación.

Acondicionamento de beirarrúas, varandas e calzadas

O Concello seleccionou os puntos que demandaban unha actuación municipal dado que se foron deteriorando co paso do tempo. Entre as melloras planeadas destaca o acondicionamento da zona que concentra unha maior actividade comercial e lúdica do
municipio: as rúas peonís do Burgo.

Outro dos lugares que se mellorarán será o paseo marítimo do Burgo. A ponte que pasa por enriba da lagoa require dun limpamento, que o equipo de goberno realizará con este plan.

Para os peóns está pensado boa parte deste programa. No núcleo da Corveira, o Concello creará unha senda peonil que permitirá comunicar a zona alta coa rúa Electo Carballo, mellorando substancialmente a mobilidade. A rúa Xafontes, en Vilaboa, verá melloradas as súas beirarrúas e asfaltado o seu firme, ao igual que a rúa Mosteiro de Carracedo. Tamén se asfaltará a rúa Templarios, no Burgo, renovarase o firme do núcleo de Orro, e efectuaranse diversas pavimentacións nas parroquias de Celas, Culleredo e O Burgo.

Na rúa Alfonso VII instalaranse varandas para mellorar a seguridade vial.  Finalmente, o goberno municipal inclúe un paquete de reparacións xerais en beirarrúas e aparcadoiros e instalación de papeleiras, que se acometerán ao longo do municipio.

26 de abril de 2013 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.