Culleredo contrata un servizo de tratamento de vehículos abandonados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Culleredo saca a licitación o servizo de tratamento como residuos dos vehículos abandonados. Cada ano, aparecen nas rúas máis vehículos que xeran molestias aos veciños, ocupando prazas de estacionamento e creando unha mala imaxe do ámbito. Cando isto sucede, o Concello ten que seguir unha obrigatoria tramitación para localizar o dono do vehículo. Finalizado este proceso sen encontrar o propietario é cando o Concello xa pode proceder á retirada do automóbil.

A proliferación de casos de coches abandonados encheu o depósito municipal. Mesmo unha segunda nave alugada tamén está completa. Isto causa que non exista espazo para retirar novos vehículos. O Concello decidiu poñer solución mediante a contratación do tratamento dos vehículos como residuos, ao final da súa vida útil e fóra de uso. Con este servizo, unha empresa adxudicataria, cun centro xestor autorizado, será a que encárguese de retirar os vehículos con esta clasificación e farase cargo dos residuos, aboando ao Concello unha contía. Tamén os particulares poderán entregar vehículos á empresa, recibindo un pagamento desta.

Os pregos conteñen diferentes prezos de licitación, a mellorar por parte das empresas que opten ao contrato. No caso de recollida de vehículos do depósito municipal, se fixa en 51 euros por turismos e furgóns e en 15,50 euros por motocicletas e ciclomotores. Se se recollen da vía pública, son de 31 e 10 euros respectivamente. Para o caso de vehículos entregados ao xestor por particulares, é de 61 e 25 euros. Con esta contratación, o Concello responde a unha crecente necesidade de actuación nas rúas do municipio e ademais logrará unha achega económica e un aforro ao permitilo deixar de alugar a nave que usa para gardar os coches abandonados e que supón uns 6.000 euros anuais.

Para a adxudicación, ademais do prezo, teranse en conta, entre outros aspectos, as melloras que propoñan as empresas encamiñadas a maximizar a reutilización e aproveitamento dos residuos. Tamén se valorará a distancia do centro xestor autorizado ao municipio de Culleredo.

16 de abril de 2013 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.