Culleredo concluíu a exposición pública do PXOM coa participación de 5.000 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O Concello de Culleredo concluíu o luns o período de exposición ao público do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que se prolongou durante os últimos dous meses, tras a súa aprobación inicial no pleno da corporación. Neste período, os veciños, propietarios e interesados en xeral puideron acceder a toda a documentación do Plan en Vila Melania, acudir ás reunións parroquiais celebradas e presentar as alegacións ou observacións que consideraron oportunas.

A falta de que poidan chegar máis alegacións presentadas noutros rexistros oficiais ou por correo, o número recibido é de 1.143. Polos cálculos do Concello, unhas 5.000 persoas participaron no proceso a través da exposición do Plan e dos mencionados encontros en
as parroquias.

O Concello efectuará unha primeira valoración das alegacións presentadas mañá xoves 18 na Comisión Especial do Plan Xeral. O alcalde, Julio Sacristán, dará conta aos grupos políticos do proceso de información pública, o reconto das alegacións recibidas e o procedemento a seguir por parte do Concello. O goberno local, neste sentido, establecerá un calendario de estudo das alegacións e de resolución destas.

Así mesmo, o Concello xa dispón dalgúns dos informes sectoriais de diferentes organismos, todos eles con carácter favorable: Costas da Xunta de Galicia, Agricultura e Pesca, Fenosa, Redesa, e ADIF. Restan os informes máis importantes, como Fomento, Aviación Civil, Costas do Estado, ou Patrimonio.

Neste contexto, o próximo 24 de abril, o Concello e o equipo redactor se entrevistarán en Aena cos responsables de emitir o informe das servidumes aeronáuticas co obxecto de intercambiar opinións sobre o Plan Xeral.

Ademais, durante este proceso de información pública constatáronse algúns erros de grafiado de servidumes, de nomenclátor e de titularidade dalgúns viarios, que serán corrixidos na seguinte fase.

17 de abril de 2013 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.