Crespo consegue o compromiso de Niño para opinar no estudo de viabilidade do apeadeiro do Ave

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocalLocal Portada
A-
A+
Crespo na reunión con Niño en Madrid

Crespo na reunión con Niño en Madrid

O alcalde, José Crespo, reuniuse esta mañá en Madrid por espazo dunha hora co secretario xeral de Infraestruturas, Manuel Niño González, para propoñerlle a realización de proxectos para Lalín relacionados co seu departamento tales como a construción dun apeadeiro do AVE en Botos ou a formalización dun convenio para a cesión das escombreiras do AVE que posibilite o acondicionamento destes espazos para usos sociais e públicos varios, entre outros temas.

Crespo afirma que “en relación ao apeadeiro na liña do AVE, o secretario xeral xa estaba coñecedor do tema e da reunión que tiven con Verdeguer e loxicamente indicoume que o momento económico é o que é, e que o PAET aínda que está feito unha parte importante del, o que quedaría para convertelo en apeadeiro ten un custo elevado e obviamente o que queren é, antes de dar o ok ou a negativa a facelo, elaborar un estudo concienzudo da viabilidade do mesmo”.

Neste sentido o alcalde lalinense explica que “neste punto o que lle solicitei é que a empresa ou consulting que elabore o referido plan de viabilidade, se poña en contacto co Concello de Lalín para que nos escoite e poidamos explicarlles que, á parte dos números que son moi importantes, existen motivacións de carácter social neste proxecto”.

Ao respecto sostén que “os habitantes da zona centro quedarían sen unha estación cercana á parte doutras consideracións como son que non só daría servizo á Comarca de Deza, senón tamén a concellos limítrofes que poderían usar o tren desde aí que nin sequera serían só da Comarca ou da provincia; estou a falar de municipios como Forcarei, O Irixo, Antas de Ulla ou Monterroso que quedarían na área de influencia deste apeadeiro”.

Argumenta que “obviamente sei que non é fácil; pero o secretario xeral comprometeuse a que a consultora nos pida opinión ao Concello, independentemente que a ponderación do que nos digamos deberán facela eles”.“Ás veces encárganse plans de viabilidade onde algunhas administracións afectadas non teñen oportunidade de opinar”, afirma. “Nós imos poder opinar e así nolo dixo o secretario xeral de Infraestruturas e poñer os nosos argumentos enriba da mesa”.

“Recoñezo que conseguir un apeadeiro nestes momentos non é doado, dado que a experiencia que teñen de apeadeiros na liña do AVE como é o caso de Utiel, unha comarca máis grande que a nosa, non é moi rendible desde o punto de vista dos números”, subliña.

“Iso quere dicir, segundo Adif, que os apeadeiros que hai feitos en liñas como poden ser as nosas funcionan só regular”, di. “Pero insisto en defender que á parte dos números que son moi importantes existen outros parámetros a ter en conta”, sostén. “Non quero como alcalde de Lalín que perdamos o tren da modernidade e iso vainos custar sangue, suor e bágoas, pero non penso tirar a toalla porque entendo que o proxecto do apeadeiro é tremendamente positivo para Lalín e o seu entorno”, argumenta.

ESCOMBREIRAS

Con respecto ás escombreiras Crespo subliñou que “son un total de 12 e abranguen unha superficie de 118 hectáreas; nelas pódense facer multitude de actuacións”. “Isto foi precisamente o que lle expliquei ao secretario xeral, ao igual que lle expuxen que non é loxico que o Adif non teña tomada unha decisión como a que lle temos solicitada, que a min me parece de todo razoable, xa que estes espazos podemos dedicalos a ocio variado e tamén a plantacións de arboredo, fundamentalmente, especies autoctónas cando agora están a monte”.

“A oferta que lle fixen a Fomento -fai fincapé- era o que xa tiñamos enriba da mesa: primeiro que lle digan, tal como compete por lei, aos antigos propietarios destes terreos aos que lle foron expropiados e que agora ocupan as escombreiras, se van querer a reversión”. Neste sentido Crespo apunta que “seguramente moi poucos veciños van querer devolver os cartos que lle pagaron por estes terreos pois o prezo era elevado; non obstante se quixeran habería que devolverllos”. Non obstante defende que “se a práctica totalidade das persoas afectadas non van querer a reversión, o Adif debería tomar unha determinación o antes posible”, sostén.

Neste sentido sinala que a solución viría dada pola sinatura dun convenio entre Concello e Adif polo que “nós nos facemos cargo das escombreiras para darlle un rendemento social”. “Poderiamos facer infraestruturas tales como un novo campo de tiro que atraería a moita xente con recursos; un circuíto de autocross -que quixeramos facer en Vilatuxe e que non puidemos dado a que ocupaba terreos da Rede Natura- e tamén se podería facer algún campo para uso por parte das distintas parroquias onde están localizadas e aquelas que non valesen para este fins dedicaríamolas a zonas onde se plantarían árbores aos que algún día se lle podería sacar algún rendemento económico, eu inclínome por árbores autóctonas”.

O primeiro edil lalinense precisa que “vexo factible este proxecto porque o secretario xeral de Infraestruturas deu as ordes oportunas para comezar a preparar un convenio, unha vez se cumpran os requisitos legais”. “Se ben é certo que teriamos que poñer unha renda anual para a cesión, aínda que esta pode ser simbólica”, aclara. “Este proxecto véxoo factible a curto e medio prazo”, defende.

Así mesmo Crespo tamén formulou a Manuel Niño a opción de poder contemplar algunha achega para o acondicionamento exterior do Pazo de Liñares que se puidese incardinar con cargo ao 1% cultural, unha actuación que sen descartala non é a priori moi factible.

OUTROS TEMAS TRATADOS

Por último, tamén lle recordeu os diversos acordos plenarios unánimes tomados polo Parlamento e pola Corporación Municipal para a cesión da AP-53 á Xunta de Galicia, que esta se faga coa titulariedade da vía e poda aplicar unha rebaixa na peaxe. Neste sentido Niño expúxolle a Crespo que o escollo principal neste tema é lograr que os 60 millóns de euros que o Estado deu á concesionaria a devolver en 50 anos puidesen ser condonados.

25 de abril de 2013 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.