O alcalde de Lalín amósase satisfeito de que un dos dous viveiros de empresas sexa na vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Lalín, José Crespo, que hoxe non puido estar na sinatura dos convenios para a posta en marcha dos viveiros de empresas, como sería o seu desexo, por ter á mesma hora unha reunión en Madrid co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, quere amosar a súa satisfacción polos acordos asinados entre Deputación de Pontevedra e Incyde e porque un dos dous viveiros sexa en Lalín.

“Quero agradecer ao presidente da Fundación Incyde, Javier Collado, a súa predisposición que mostrou nas distintas reunións que mantiven con el desde que establecín con el o primeiro contacto, hai agora tres meses, e que en pouco tempo conseguiuse que poida facerse realidade”, sinala.

Crespo sinala que “tamén quero agradecer especialmente a sensibilidade amosada polo presidente da Deputación, Rafael Louzán que, sen dúbida, é un dos grandes valores da nosa Comarca”. “Este convenio -fai fincapé- reviste unha capital importancia nestes momentos onde existen unhas cifras de paro na nosa comarca -xa que este é un proxecto que non só beneficia a Lalín, senón á Comarca- que nunca antes chegaron ao número actual”.

“O que se pretende con este viveiro é dar cabida a empresas que nazan e que loxicamente nestes primeiros momentos non teñen suficientes medios para arrancar; en definitiva, trátase de darlles ferramentas para todo aquel emprendedor que teña unha idea de montar unha pequena ou mediana empresa, para que aínda que non conten con moitos recursos poidan arrancar”, subliña.

O primeiro edil lalinense argumenta que “sen dúbida, hoxe para min é un día feliz acostumado a malas noticias a diario; polo menos de cando en vez como é o caso de hoxe hai unha boa nova que nos afecta aos lalinenses”. “Obviamente nin que dicir ten que a través deste convenio á parte de construír fisicamente niños para empresas vai levar aparellado unha serie de cursos de formación para emprendedores que se farán ao longo deste ano e do que vén, cun obxectivo claro; poder encher o viveiro e sobre todo crear mentalidade de empresarios naquelas persoas que teñan iniciativas e as queiran poñer en práctica”, explica.

De igual modo, o munícipe lalinense anuncia que “desde o Concello de Lalín informaremos en breve de cales van ser os pasos a seguir tanto para a construción do viveiro como para os cursos de formación”. “Atópome moi satisfeito por ter dedicado un trimestre a traballar por este proxecto; ás veces algúns dos proxectos polos que traballo non saen, ou saen a medias basicamente pola falla de recursos económicos, pero outros como é o caso, si, e iso xa compensa todo o traballo feito con creces, sostén.

Igualmente Crespo precisa que “o proxecto que se vai facer en Lalín desde a A á Z explicarase nun acto ao que querría que asistiran o presidente da Deputación, Rafael Louzán e o presidente de Incyde, Javier Collado, para aproveitar tamén para darlle as grazas aos dous polo esforzo que fixeron ao contemplar o noso Concello”.

“Quero resaltar que as razóns de por que se escolleu Lalín é porque é un dos sitios onde se necesita este tipo de iniciativas e porque en Lalín existe mentalidade nata de emprendedores e agora máis que nunca fai moita falta crear postos de traballo, xa que Lalín ten tecido empresarial de pemes e afectounos a crise máis directamente que outros sitios onde non había pemes”, conclúe.

25 de abril de 2013 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.