Convocatoria do proceso selectivo para a contratación de 6 auxiliares para a Policía Local
Descrición: O obxecto desta convocatoria é a contratación laboral temporal de seis Auxiliares da Policía Local, a través do procedemento de oposición libre. Corresponderalles desempeñar as funcións propias desta categoría profesional na Policía Local de Carballo, tales como custodia e vixiancia de bens, servizos e instalacións municipais, así como auxilio e colaboración dos funcionarios do Corpo da Policía local e demáis Forzas e Corpos de Seguridade. A modalidade contractual será a de un contrato temporal por acumulación de tarefas e a súa duración será de 4 (catro) meses contados a partir da sinatura do mesmo. As retribucións mensuais serán de mil cento noventa e dous euros con setenta e nove céntimos (1.192,79 €) por todos os conceptos, incluída a prorrata de pagas extraordinarias.
Os interesados e interesadas poden consultar as bases da convocatoria ao completo, así como os requisitos e a documentación necesaria nun documento en pdf nesta mesma convocatoria.
Prazo: As solicitudes para tomar parte neste proceso selectivo faranse mediante instancia dirixida ó señor Alcalde e presentaranse no Rexistro xeral do Concello en horas de oficina durante o prazo de dez días naturais -entre o 18 e o 27 de abril, inclusives- que se iniciará ao día seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Tamén se publicará no Taboleiro de Anuncios da Casa do Concello e na prensa.
Data de publicación: Publicado no número 73 do Boletín Oficial da Provincia (BOP) do mércores 17 de abril de 2013.
Adxudicación: Rematado o prazo de presentación de instancias, o Alcalde dictará resolución no prazo máximo de cinco días naturais declarando aprobada a listaxe provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación, se é o caso, das causas de exclusión. Esta resolución publicarase no taboleiro de edictos do Concello e será determinante para os efectos de posibles impugnacións e recursos, de conformidade co previsto na lei. Así mesmo, e sempre que sexa posible, a citada resolución publicarase,a título informativo e complementario, na web municipal.
Os/as aspirantes excluídos/as, dispoñen dun prazo de cinco días seguintes á publicación da antedita resolución, para presentar as reclamacións oportunas ou emendas de defectos. Posteriormente, o Alcalde declarará aprobada a listaxe definitiva de admitidos/as e excluídos/as, que se publicará no taboleiro de edictos do Concello. Na mesma resolución o Alcalde determinará o lugar, data e hora da celebración do primeiro exercicio, así como a composición do Órgano de selección.











