Continúan os talleres do programa “Achégate a outras culturas” nos centros socioculturais

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

No escenario dun mundo globalizado, onde as relacións e a comunicación entre as persoas de distintos países por motivos de formación, traballo e ocio son unha constante, parece importante estimular a mellora destes procesos de intercambio cultural no que  as competencias lingüísticas xogan un papel fundamental para a  comprensión e o respecto das diversas identidades culturais. Por iso, a Concellería de Centros Socioculturais continúa a desenvolver o programa “Achégate a outras culturas” a través de accións formativas que teñen lugar en mais de 15 centros e locais socioculturais.

Ademais dos 15  talleres regulares de lingua inglesa que comezaron en outubro e remataran en xuño deste 2013, nos centros socioculturais de A Gracia, Bando, As Cancelas, Casa Agraria, Casco Histórico, Castiñeiriño, Figueiras,Marrozos, Sar, A Trisca, Villestro, Vite, Pontepedriña, Vidán, Almáciga- as asociacións veciñais complementan algún deles con accións propias.

Actualmente, no marco do programa Achégate a outras culturas, un grupo de 15 persoas participa nun curso de chinés no Centro Sociocultural do Ensanche. Ademais,  dous grupos inícianse na cultura e linguas alemás no Centro Sociocultural das Fontiñas.

Prazas dispoñibles

Continúa aberto os prazo para que os interesados en participar nestas accións de achegamento práctico a culturas como a chinesa, árabe, alemá, rusa, anglosaxona e americana -que se desenvolverán en distintos centros socioculturais durante o vindeiro curso-, se acheguen aos CSC para preinscribirse.

No Centro Sociocultural de Santa Marta hai aínda prazas vacantes para os seguintes cursos, que se realizarán  durante os meses de xuño e xullo de obterse un grupo mínimo de inscritos.

Cultura e iniciación á lingua alemá:

– Grupo I – Xoves, de 19:30 a 21:30 horas.

– Grupo II – Sábado, 11:00 a 12:30 horas,

Cultura e iniciación ás linguas anglosaxona e americana

– Mércores, de 19:30 a 21:00 horas.

Ademais, e no marco do Programa de Voluntariado Europeo, estanse a desenvolver con gran acollida os programas Conversas en ruso (CSC das Fontiñas) e Conversas en inglés (CSC do Castiñeiriño).

26 de abril de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.