Concello e Deputación impulsan charlas de sensibilización da xestión racional da enerxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

Acordouse nunha reunión mantida hoxe na Casa Consistorial lalinense por parte dos representantes da Deputación con técnicos municipais, directores dos institutos lalinenses e representantes das asociacións de mulleres e amas de casa A data e as horas das sesións informativas comunicaranse proximamente unha vez se chegue a acordo entre institutos de poñer un día para que por parte do Concello se contacte coas asociacións de mulleres e outros colectivos interesados e se planifiquen así todas as charlas nunha mesma xornada

Concienciar aos distintos colectivos sociais acerca de cuestións básicas como a importancia da enerxía, a necesidade de promover comportamentos responsables e aforradores no consumo da enerxía en todos os sectores e sensibilizar acerca da oportunidade de incorporar medidas de eficiencia enerxética nos fogares. Este é o obxectivo principal do ciclo de charlas informativas que, promovidas pola Deputación de Pontevedra a través do programa RETALER II Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais en Enerxías Renovables, o Concello de Lalín programará orientadas aos dous IES do Concello de Lalín e ás asociacións de amas de casa e, en xeral, a calquera asociación ou entidade interesada en participar na dita xornada.

Así se acordou hoxe nunha reunión mantida na Casa Consistorial lalinense por parte de representantes da Deputación con técnicos municipais, directores dos institutos lalinenses e representantes das asociacións de mulleres e amas de casa. As datas de imparticipación das ditas charlas pecharanse nos próximos días, posto que desde a dirección dos dous institutos lalinenses quedaron de poñerse en contacto co departamento de Medio Ambiente do Concello para lle comunicar un día que lle fose ben para a impartición das ditas charlas.

A partir de aí será o Concello quen coordine a organización doutras charlas dirixidas a amas de casas e outros colectivos que terán que ser, por condicións organizativas, todas nunha mesma xornada e que estarán impartidas por relatores da Fundación Galicia Sustentable, entidade con gran experiencia na organización deste tipo de actividades formativas no eido medioambiental.

ACTIVIDADE PARA CENTROS EDUCATIVOS

As dúas charlas orientadas ao alumnado do IES Laxeiro e IES Ramón María Aller Ulloa pretenden favorecer a reflexión da mocidade sobre aspectos relacionados coa enerxía e a sustentibilidade.

Trátasase de dúas sesións divulgativas en formato de charlas participativas cunha duración aproximada cada unh duns 60 minutos. Se ben os contidos serán adaptables e modulables en función do número de participantes, idades, compartirán o enfoque sobre o entendemento do sistema enerxético, os consumos, a mellora dos hábitos e a potencialidade de uso que presentan as enerxías renovables.

ACTIVIDADE PARA AMAS DE CASA E PÚBLICO EN XERAL

Neste caso ofrecerase información básica que permita racionalizar as actuacións no fogar de cara a diminuír a dependencia enerxética, xa que as familias galegas son responsables do 25% do consumo total final de enerxía.

Ademais de persoas encargadas das tarefas no fogar poderán participar quen estea interesado/a en coñecer comportamentos cunha maior eficiencia ambiental e de coñecer os aforros, económicos e medioambientais que levan aparellados.

Terá tamén unha duración aproximada dunha hora e farase especial fincapé no aforro, no uso das tecnoloxías e equipos eficientes e nas enerxías renovables. Tamén se explicará a facturación dun recibo da luz e ao final haberá lugar para preguntas e debate.

A través destas actividades de divulgación sobre recursos enerxéticos Deputación de Pontevedra e Concello de Lalín amosan o compromiso co aforro e e a eficiencia enerxética apostando pola formación e educación como a mellor das ferramentas para mellorar a protección do medio ambiente.

Trátase de que todas as persoas poden axudar a reducir o consumo enerxético mediante a incoporación de pautas sinxelas e hábitos no fogar, no colexio, no coche, no traballo, etc. Por exemplo, con simples xestos como aproveitando a iluminación natural; utilizando lámpadas de baixo consumo; apagando os aparatos electrónicos cando non os esteamos usando evitando así o modo stand by -segundo a Axencia Internacional da Enerxía na maioría dos fogares o consumo de enerxía derivado de manter os aparellos en modo espera representa entre un 5 e o 10% do total da enerxía consumida- ou elixindo as billas cando non se estean a usar.

Deste xeito, ademais de consumir menos enerxía se diminúen as emisións de CO2 á atmosfera. Ademais hai que destcar que a utilización das enerxías renovables minimizan o quecemento global, o efecto invernadoiro e a chuvia ácida. Como resultado un exemplo significativo de aforro: se unha familia media optar polas mellores opcións enerxéticas pode aforrar ata 1.000 euros ao ano só en gas e electricidade.

A Deputación de Pontevedra é socio colaborador, xunto con outras 16 entidades portuguesas e españolas, do proxecto RETALER II co que se trata de fomentar o aforro e a eficiencia enerxética desde un enfoque integrado. Este proxecto ten un orzamento total de 2.421.110,93 euros, dos que a UE achega o 75%.

15 de abril de 2013 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.