Comezan as rutas Pazo de Rubiáns-Illa de Cortegada con touroperadores, guías e medios
A oferta turística posta en marcha por Pazo de Rubianes e Corticata, coa colaboración co Concello de Vilagarcía, botará a andar este vindeiro sábado cunha visita profesional. Preto de corenta touroperadores, guías profesionais e medios especializados teñen xa confirmada a súa presenza, á que se unirá a de autoridades turísticas autonómicas, provinciais e locais. A experiencia servirá para testar este novo producto turístico, ademais de presentalo directamente a quen sen dúbida van ter un especial protagonismo na súa difusión.
O punto de encontro será o propio pazo de Rubiáns, ás 11,30 horas deste sábado, 13 de abril. Despois de coñecer a histórica mansión e os seus xardíns, que aspiran a ser os primeiros de carácter privado en España coa cualificación de “excelencia internacional”, os visitantes verán tamén os viñedos e terminarán na bodega, onde participarán nun almorzo tipo buffet, ao tempo que degustan o albariño da casa, “García de Caamaño”. Arredor das tres da tarde, os participantes da ruta se trasladarán a Carril, dende onde partirá unha embarcación que os deixará en Cortegada. Alí, durante unha hora e media aproximadamente, coñecerán a historia e a natureza desta illa incluída no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Calquera persoa que o desexe, ben individualmente, ben en grupo, pode participar desta experiencia única –”Del jardín de las camelias al bosque de laurel”, di o seu lema publicitario- os sábados, domingos e festivos, unicamente con inscribirse previamente tanto en Pazo de Rubianes coma en Corticata, a empresa que xestiona o traslado e visita guiada á illa de Cortegada, e sempre que exista un grupo mínimo de dez interesados. As dúas visitas, incluído o almorzo nun restaurante de Carril, ten un prezo de 35 euros para os adultos e de 15 para os nenos. As dúas empresas están dispostas a adaptar esa proposta aos intereses dos visitantes: por exemplo, facendo o almorzo no propio pazo ou comendo de pic-nic na illa de Cortegada, maior duración da ruta arredor da illa, ampliación á ruta fluvial, etcétera. A orde do percorrido tamén pode variar en función das mareas.











