Comeza o “Pisando Forte” con cursos de manipulación de alimentos e de carretillas elevadoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

Un curso de manipulación de alimentos abrirá a quinta edición do Pisando Forte , o programa de formación para o emprego que desenvolve a Concellaría de Xuventude e no que se oferta un total 287 prazas de formación para a mocidade desempregada.

Este martes, 23 de abril, na Casa Azul e en horario de 10 a 13h., 20 mozos e mozas participarán no primeiro dos cursos de Manipulación de alimentos. Os cursos de manipulación de alimentos forman sobre a normativa para a obtención do carné de
manipulador/a de alimentos. Este curso prepara a profesionais que requiran manipular produtos alimenticios para levar a cabo o seu traballo con total seguridade e garantías legais.

O mércores 24 tamén dará comezo o curso de Carretillas elevadoras, curso que ten por obxectivo a acreditación para exercer como operador/a de carretillas elevadoras cumprindo coa normativa legal da Lei de Prevención de Riscos Laborais. Neste están inscritos 12 mozos e mozas. Aínda permanece aberta a inscrición para os cursos de Atención ao Público e o de Oratoria.

A semana próxima, a partir do día 2 de maio tamén se abrirá o período de inscrición para novos cursos: Caixeiro/a repoñedor/a, Manexo de aparatos DESA, Obradoiro de Cooperativismo, Obradoiro de Radio e comunicación e Xornada “Outro emprendemento é posible”.

Lembramos que toda a formación ofertada polo Pisando Forte está dirixida a mozos e mozas de 16 a 35 anos, en situación de desemprego e do municipio de Pontevedra. Trátase dunha formación gratuíta, totalmente subvencionada pola Concellaría de Xuventude e que ten por obxectivo mellorar o acceso ao mercado laboral da poboación nova, a través unha oferta formativa orientada á mellora das competencias persoais e profesionais.

22 de abril de 2013 | 15:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.