Comeza a segunda fase da restauración do Hospital de Peregrinos de Montemaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+
Visita ás obras de mellora

Visita ás obras de mellora

As obras da segunda e definitiva fase da restauración do antigo hospital dos peregrinos de Montemaior xa están en marcha. Nesta semana comezaron os traballos dirixidos a recuperar este histórico edificio, situado fronte á capela de Santa Margarida, e convertelo nun centro para uso e disfrute dos veciños do municipio que contará con tres estancias diferenciadas e perfectamente acondicionadas para usos socioculturais e un aseo público no local anexo.

Esta fase das obras completará ás realizadas durante o ano pasado. Neste caso as actuacións irán dirixidas a renovar o solo en 324 metros cadrados de superficie do interior do edificio, realizar unha reparación completa das paredes de pedra, rematar a instalación eléctrica, renovar a fontanería e crear dous novos aseos, sendo un deles público, adaptado para persoas con mobilidade reducida e con acceso directo desde o exterior, co que se dará servizo principalmente ás persoas que acoden aos actos relixiosos que se desenvolven na capela. Neste sentido, a previsión é que as obras estean rematadas antes da celebración da multitudinaria romaría de Santa Margarida o vindeiro día 20 de xullo.

Esta mañá o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro delegado da área de urbanismo e obras públicas, Jesús Souto, mantiveron unha reunión co director da obra e co responsable da empresa construtora, na que puideron coñecer o desenvolvemento das primeiras actuacións realizadas

O proxecto ten un orzamento total de 40.000 euros, que serán cofinanciados entre o Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña.

A rehabilitación do antigo hospital dos peregrinos de Montemaior é posible grazas ao convenio de colaboración entre o propio Concello da Laracha e o Arcebispado de Santiago de Compostela, de similares características aos que posibilitaron recuperar e dar novos usos durante os últimos anos a elementos do patrimonio histórico municipal como as casas reitorais de Golmar e de Caión.

4 de abril de 2013 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.