publicidade hoxe

Chega a Muxía “Espello deportivo” e a mostra de Mudegá sobre as mulleres no deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalMuxía
A-
A+

O vindeiro venres 19 de abril, ás 11 horas no Salón de Actos do Voluntariado terá lugar un encontro da medallista olímpica Sofía Toro cos rapaces do IES Ramón Caamaño. A actividade está tamén aberta ao público en xeral que estea interesado na mesma.

Esta actividade está enmarcada dentro do programa Espello Deportivo,un proxecto de dinamización lingüística no que tres deportistas olímpicos e paraolímpicos (Sofía Toro, Chano Rodríguez e Juan Antonio Saavedra) manterán un encontro cos integrantes das escolas deportivas e entidades municipais de 36 concellos de Galicia ata o mes de xuño. Con eles compartirán as súas experiencias na alta competición e destacarán o emprego do galego como valor identitario no deporte. Canda os tres deportistas, acudirá aos encontros o actor Rubén Riós, responsable da empresa xestora do programa.

Esta iniciativa enmárcase na programación de actividades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) para o ano 2013. Danlle apoio económico tres entidades pertencentes á Rede: a Xunta de Galicia –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación- e mais as deputacións provinciais da Coruña e de Ourense. A elas súmanse os concellos da RDL que acollerán a actividade e que, ademais de cederen os espazos para a celebración das conferencias, poñerán o seu persoal técnico para a xestión e para a difusión da actividade.

Deste xeito, Espello Deportivo convértese nun exemplo de colaboración dende diferentes administracións para impulsar o galego nun ámbito prioritario e transversal, o do deporte, de acordo coas directrices emanadas do Plan xeral de normalización da lingua galega.

Sofía Toro (A Coruña, 1990) é  regatista Campioa nos Xogos Olímpicos de Londres, 2012, Campioa de Europa en 2011, Campioa de España en 2010 e Campioa Iberoamericana en 2010.

 MOSTRA CEDIDA POLA ASOCIACIÓN MUDEGÁ SOBRE AS MULLERES NO DEPORTE

Unha das fotografías da mostra

Unha das fotografías da mostra

Ao remate do encontro con Sofía Toro e Rubén Riós, os asistentes poderán acudir á inauguración da mostra de fotografías “Pero, existe o deporte feminino ?”que terá lugar no mesmo edificio no que se desenvolverá a charla ( pero na planta baixa- Centro Social). As promotoras foron varias mulleres relacionadas co deporte como Merce Barrientos (presidenta da Federación Galega de Taekwondo),Lis Franco (xogadora da selección española de futbol e xornalista deportiva), Teresa Cano (árbitro internacional de Hockey a patíns), Iria Gonzalez-Dopeso (deportista paralímpica e investigadora a UDS), Rosa Mosquera (adestradora de baloncesto e profesora no Compañía de María), Pilar Neira (xogadora de fútbol e de balonmán e seleccionadora nacional de futbol) .

A inauguración da mostra correrá a cargo do Alcalde Félix Porto. Esta mostra está cedida pola asociación MUDEGÁ que é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como fin promover a presenza das mulleres no ámbito do deporte, incentivar a súa participación, velar pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e loitar contra todas as formas de discriminación ás mulleres no ámbito deportivo.

Entre as iniciativas que desenvolven está a celebración anual da Gala do Deporte Feminino que este ano se fixo en Ames e as exposicións de fotografías de deporte feminino cedidas por deportistas, clubs, federacións etc.

18 de abril de 2013 | 09:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.