Charlas formativas sobre aforro e eficiencia enerxética en Gondomar
O vindeiro xoves 4 de abril, ás 09.30 horas, celebraranse no IES Terra de Turonio dúas charlas formativas sobre eficiencia e aforro enerxético, orientadas aos alumnos e ás alumnas deste instituto e aos do IES Auga da Laxe.
Esta xornada de divulgación medioambiental é froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra, o concello de Gondomar e os IES Terra de Turonio e Auga da Laxe. A iniciativa xorde dentro do proxecto RETALER II, Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais en Enerxías Renovables, da cal a Deputación de Pontevedra é socio membro xunto con outras dezaseis entidades españolas e portuguesas.
As charlas amosarán aos alumnos asistentes a relación que se establece entre a enerxía e o medio ambiente, centrándose naquelas medidas que favorezan á sustentabilidade para lograr a eficiencia e a redución do consumo enerxético. Tamén se tratarán temas como as enerxías renovables co fin de promover a súa implantación.
Estas charlas serán impartidas por conferenciantes da Fundación Galicia Sustentable, entidade cunha grande experiencia na organización de este tipo de actividades formativas no eido ambiental e organizadores do evento internacional TeDx en Galicia.
Con esta actividade formativa o Concello de Gondomar reforza o seu compromiso co aforro e a eficiencia enerxética apostando pola formación como mellor ferramenta para acadar o éxito nos seus obxectivos medio ambientais.











