Cervo recibe a estudantes franceses de intercambio co IES Marqués de Sargadelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal
A-
A+
Alumnos franceses de intercambio

Alumnos franceses de intercambio

O Concello de Cervo organizou un acto de recepción para os 16 alumnos franceses de 3º e 4º da ESO que esta semana visitan Cervo a través dun programa de intercambio escolar entre o IES Marqués de Sargadelos e o instituto Les Clorisseaux, situado na vila de Poilly-Lez-Gien, 120 quilómetros ao sur de París. Un acto no que tamén participaron os seus compañeiros cervenses, así como profesorado de ambos centros.

Durante este momento de encontro, o alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Pilar Armada, déronlles a benvida aos estudantes, explicándolles a configuración territorial do concello así como os moitos lugares que poden visitar, e desexáronlles unha agradable e proveitosa estancia no municipio, onde permanecerán ao longo de toda esta semana. Ao mesmo tempo, fixeron entrega de pratos de cerámica de Sargadelos como agasallo para o centro francés así como doutros detalles para o alumnado.

Durante esta semana os estudantes franceses xa asistiron a clases no IES Marqués de Sargadelos co obxectivo de coñecer de primeira man a realidade educativa cervense. Ademais, nestes días teñen previsto realizar excursións para coñecer mellor Cervo e saídas a Santiago, A Coruña, Lugo e Viveiro.

O alumnado francés estase aloxando nas casas dos estudantes cervenses, de forma que cada rapaz ten asignado un compañeiro co que vive e que o acompaña ao longo da súa estadía en Galicia. Ao mesmo tempo, esta fin de semana os escolares galos disporán de tempo libre para pasar coas súas familias de acollida.

Esta iniciativa englóbase dentro dun programa máis amplo de intercambio entre os dous centros que tivo a súa primeira experiencia no ano 2011. Esta é a segunda ocasión na que ambos institutos realizan unha actividade conxunta, aínda que é a primeira na que participa este grupo de alumnos concreto.

Neste sentido cabe destacar que hai menos dun mes que os estudantes cervenses estiveron en Poilly-Lez-Gien xunto aos mesmos compañeiros que esta semana están en Cervo. Deste xeito, antes de que o alumnado francés chegase ao municipio mariñán, os estudantes xa se coñecían en persoa. Aínda así, previamente a esas viaxes, os rapaces e rapazas mantiveran contacto a través da Internet.

Unha iniciativa que para a edil de Educación “é moi positiva xa que contribúe á apertura ao exterior do alumnado e do centro, de forma que os estudantes comparten o seu tempo con escolares da mesma idade pero doutro país, coñecen outros costumes e aprenden a convivir”.

9 de abril de 2013 | 15:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.