Cervo acondiciona o campo de fútbol 7 situado no complexo deportivo de Río Covo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal
A-
A+

A delegación de Deportes, que dirixe o edil Luis Guillén, informa de que o campo de fútbol 7 que se atopa no complexo deportivo de Río Covo foi acondicionado para a práctica desta disciplina. Nestes días varios operarios do Concello estiveron traballando na mellora destas instalacións, executando traballos de preparación do campo como a corta do céspede ou o pintado das liñas delimitación das áreas. Ao mesmo tempo tamén se dotou de redes ás porterías.

Uns traballos que xa remataron e que deron lugar a un terreo de xogo completamente preparado para a súa utilización por parte dos deportistas. Esta actuación fora solicitada por un grupo de persoas afeccionadas que se amosaron interesadas en empregar estas instalacións.

Deste xeito, e unha vez acondicionado o campo, a delegación de Deportes anima a todos os afeccionados ao fútbol 7 “a darlle uso a este equipamento” co único requisito de “solicitar un permiso no Concello previo á súa utilización”. Guillén asegura que o Concello traballará para manter o campo en boas condicións que permitan aos deportistas “seguir xogando nunhas instalacións axeitadas a esta práctica”.

Unha iniciativa que se enmarca nun conxunto máis amplo de medidas para o mantemento das instalacións deportivas de Río Covo, especialmente de cara á chegada do verán.

11 de abril de 2013 | 15:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.