Cedeira activa un plan piloto de aforro enerxético na iluminación pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+

Manter a calidade do servizo e aforrar na factura eléctrica. Son os dous obxectivos que se propuxo o Concello de Cedeira en relación á iluminación público da vila. E, con esa intención, a Concellaría de Obras poñía en marcha nas últimas semanas un plan piloto de aforro enerxético na parroquia de Montoxo. Máis concretamente, no lugar de Cimadevila. Nesta zona, operarios municipais iniciaron a instalación de equipos regulables para o aforro de enerxía nas luminarias. Nun primeiro momento, analízanse as necesidades de intensidade lumínica -que varían fundamentalmente en función das horas de luz solar- e, a continuación, establécese o programa de funcionamento das luminarias fixando tres niveis: 100%, 75% y 50%. A potencia e fluxo irase reducindo nesas proporcións ao longo das horas e en función das necesidades.

Os equipos instalaranse nun total de quince puntos de luz de vapor de sodio de alta presión HPS de 70 vatios de potencia en lámpada e, o custo da intervención, que se realiza con fondos propios, roldará os 3.000 euros. O Concello explica que a elección da parroquia de Montoxo débese, fundamentalmente, á necesidade de aproveitar recursos. Precisamente na zona, e dentro do plan municipal para eliminar os enganches da rede pública a contadores particulares, operarios municipais executaban recentemente traballos desta natureza.

Agora, a intención do Concello pasa por concluír a instalación dos equipos de aforro enerxético e comprobar sobre o terreo o seu funcionamento, necesidades de mantemento e repercusións na facturación eléctrica. Será o paso previo para a implementación masiva de este tipo de melloras na rede pública.

1 de abril de 2013 | 11:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.