Case 6.000 escolares de 20 centros da cidade participaron en Educa Saúde da Coruña
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, fixo esta mañá balance do Programa Educa Saúde, que a Concellaría organiza en colaboración coa Sociedade de Pediatría de Galicia e a Fundación María José Jove. Así, durante este curso, puxéronse en marcha dúas edicións, unha entre outubro e decembro de 2012, e outra entre os meses de febreiro e abril deste ano.
“En Educa Saúde participaron neste curso escolar 4.588 escolares de 0 a 12 anos e máis de 700 familias, pertencentes aos centros de Educación Infantil e Primaria de Raquel Camacho, San Pedro de Visma, Prácticas, María Barbeito, Emilia Pardo Bazán, Salgado Torres, Wenceslao Fernández Flórez, Alborada, Sagrada Familia; e as Escolas Infantís Municipais de Luis Seoane, Os Rosales, Carricanta e Arela,” detallou Mourelo quen engadiu: “Cada edición deste programa pioneiro supón un novo éxito de participación. O curso escolar pasado participaron 1.264 alumnos e máis de 300 familias. Así, en total, participaron ata a data en Educa Saúde, 5.854 escolares de 15 colexios da cidade e 5 escolas infantís, o que supón un 60% da poboación estudantil.
Mourelo recordou que neste programa se aborda o concepto de saúde dunha forma integral traballando pautas para fomentar unha conduta saudable nos escolares e nas súas familias como parte fundamental na transmisión deste tipo de condutas aos seus fillos. Así, entre os seus principais obxectivos, destaca a posta en marcha de actividades que promoven estilos de vida saudables entre os escolares, creando hábitos relacionados coa hixiene, a alimentación, a prevención de enfermidades e accidentes e, ao mesmo tempo, potenciando actitudes de autocoidado físico, psíquico e relacional orientados a unha maior calidade de vida.
Ademais, pretende que os escolares adquiran un coñecemento progresivo do seu corpo e do seu funcionamento; das súas necesidades, das posibles enfermidades e a forma de previlas. Para iso adaptarase a metodoloxía, impartida por un equipo docente multidisciplinar formado por pediatras, matronas, psicólogos ou educadores sociais, ás diferentes idades dos participantes.
“O Concello é consciente da importancia do traballo preventivo no ámbito da saúde, por iso reforzamos Educa Saúde con outros dous programas deportivos para o alumnado da cidade, como son os Xogos escolares, que tanto éxito están a ter neste curso coa participación de 1.072 persoas, e Deporte no Centro, con 1.824 participantes”, destacou Mourelo e engadiu: “Ademais, neste momento, o Programa Municipal de Educación para a Saúde estase a completar con dous talleres máis desenvolvidos pola Asociación de Axuda a Familias de Drogodependentes (ADAFAD) sobre os riscos de Internet: A rede e as súas redes e Cómo protexer os nosos fillos na rede, impartidos a 150 escolares de 5º e 6º de Primaria dos centros de Curros Enríquez, Sanjurjo Carricarte e Montel Touzet”.
Mourelo anunciou que, dado o éxito de participación, Educa Saúde se continuará o próximo curso escolar ofertándose a todos os centros de Primaria da cidade, públicos e privados concertados, así como aos Institutos de Educación Secundaria.











