Carballo traballa para plasmar as ideas da Escola de Arquitectura no urbanismo municipal

Un instante do curso
O pasado mes de xullo máis de 35 alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Universidade da Coruña (UDC) estiveron analizando o casco urbano carballés co obxecto de propoñer solucións para mellorar a capital municipal no marco do curso “Estratexias cidadás para os tempos da crise”. Divididos en seis grupos, realizaron un interesante traballo de campo movéndose pola vila e intercambiando impresións cos veciños e veciñas para ofrecer propostas e solucións que se plasmaron en forma de conclusións en outros seis traballos: “Invasión”, “Carballando”, “Espazos mixtos”, “Quedamos na lembranza”, “Ocúpame” e “Outra realidade”. Agora estas seis propostas toman forma nun libro editado pola ETSA coa colaboración do Concello e Conservas Calvo que leva o título das xornadas e que recompila toda a interesante información e traballo que se realizou durante unha semana no Fórum Carballo e nas rúas da vila. Cristóbal Crespo, profesor da ETSA e coordinador do curso, lembrou durante a presentación deste libro algunhas das orixinais ideas xurdidas durante o que denominou unha gran “tormenta de ideas”, como a creación dunha rede ficticia de metro en lugares sinalados do casco urbano para poñelos en valor, recuperar a historia da cidade ou cubrir as feas medianeiras do centro con imaxes do Carballo de hai 50 ou 60 anos.
Precisamente o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, anunciou durante a presentación que o Concello está traballando en levar a cabo, alomenos en parte, esta última proposta, colocando unha gran lona para cubrir a medianeira do edificio situado detrás da Ludoteca Municipal -na rúa Desiderio Varela- coa imaxe da antiga Casa de Chinto, noutro tempo presente nesta contorna. O proxecto tería un custo aproximado de 12.000 euros, contaría coa colaboración no financiamento de Conservas Calvo e nestes momentos está esperando a aprobación da comunidade de propietarios do edificio. Porén, Cristóbal Crespo non renuncia a que se poidan plasmar outras das ideas, subliñando que as posibilidades que ofrecen as conclusións poden “axudar a reparar a cidade”, especialmente as máis sinxelas, sobre todo porque estaría baseadas, “xa non no ‘low-cost’, senón no ‘no-cost'”, ademais de na implicación veciñal e colectiva.
O profesor da ETSA Felipe Peña, impulsor das xornadas que agora están plasmadas neste libro, subliñou que estas iniciativas “axudan moito a que a xente vexa as posibilidades da súa cidade” con “experiencias que nos ensinan a pensar que non todo é crise”. Peña tamén quixo expresar o seu agradecemento ao Concello e a Conservas Calvo pola súa implicación no proxecto. Hai que subliñar que a Escola de Arquitectura ten pensado seguir con esta iniciativa, visitando outros concellos da zona. O Alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, estivo na presentación do libro para recoller o testemuño de cara a próximas xornadas, e facendo fincapé no eixo industrial Arteixo-A Laracha-Carballo como “o principal eixo económico de Galicia no futuro”. Amosou o seu interese nalgunhas iniciativas, como a creación dese “metro ficticio” que no seu momento entusiasmou aos profesores do curso, todo co obxectivo de que “as cidades pequenas conten cun plus de calidade no que respecta ao urbanismo”.











