Carballo prepara as xornadas dedicadas á formación profesional e á empresa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarballoLocal
A-
A+
Reunión de traballo

Xuntanza para ultimar o I Foro da Formación e a Empresa

O Fórum Carballo vén de acoller unha xuntanza na que se están ultimando os detalles do I Foro da Formación e a Empresa que está previsto que se celebre o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño. Esta cita ten como obxectivo buscar un punto de unión entre os centros de ensino, as familias, o alumnado e os empresarios para favorecer a reflexión sobre a Formación Profesional, así como facilitar contactos cara a inserción laboral e crear un marco para o futuro que beneficie tanto ao mundo académico como ao empresarial. Segundo a organización, na que están representados o Concello de Carballo, Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños), a Cámara de Comercio da Coruña e os tres institutos de Carballo -IES Alfredo Brañas, Isidro Parga Pondal e Monte Neme- este Foro sería un primeiro paso para poder ampliar o marco nos próximos anos e crear unha verdadeira feira empresarial na comarca. O recinto Fórum Carballo acollería a iniciativa converténdose no verdadeiro punto de encontro para o foro, no que está previsto que teñan lugar obradoiros, conferencias, mesas redondas e actividades lúdicas para que participe o alumnado dos institutos, especialmente os de Bacharelato e Ciclos Formativos, pero tamén profesorado e empresarios.

O programa concreto de actividades aínda non está confirmado, aínda que está previsto invitar a institucións de fóra co Concello, da comarca ou mesmo da Coruña. Así, as xornadas contarían coa presenza de stands de cada un dos institutos carballeses, ademais do IES Ponteceso, centro invitado, así como do Concello e Axober, nos que habería información concreta sobre ofertas de cursos, axudas empresariais, servizos, asociacións, ofertas laborais, etc., todo orientado á formación e ao emprego. Algúns dos obradoiros que terían lugar e que se están concretando estarían relacionados coa hostalería, matemáticas, informática, reparación de equipos, etc., con charlas sobre a iniciativa empresarial e emprendedora, a fiscalidade ou os sistemas de financiamento das empresas que comezan. De cara ao sábado pola mañá, estase traballando para contar cun Taller de Nutrición Terapéutica, unha charla da Fundación Amancio Ortega, a presenza dun Proxecto educativo do País Vasco ou unha mesa redonda para reflexionar sobre a Formación Profesional. No apartado lúdico, a organización prepara unha Lan Party a modo de “festa dixital” na que os rapaces e rapazas poderían traer os seus ordenadores dende o venres ao mediodía e estar durante 24 horas conectados a Internet intercambiando información, programas, xogos, etc. Así mesmo, está previsto que o venres pola noite poida organizarse un concerto lúdico con grupos da zona.

Nos próximos días a organización irá concretando o programa e ofrecendo máis detalles sobre este I Foro da Formación e a Empresa. Nesta xuntanza de traballo celebrada no Fórum ás 12.00 horas estiveron presentes os directores dos tres institutos carballeses, así como representantes da Cámara de Comercio e Axober, ademais do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; e o director do Centro Municipal de Formación, Juan Lorenzo.

23 de abril de 2013 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.