Carballo pon en marcha o servizo de recollida selectiva no rural coa colocación de 165 novos colectores

Visita a unha “illa verde” cos novos colectores
O Concello de Carballo, a través das concellarías de Servizos e Medio Ambiente, vén de poñer en marcha as primeiras “Illas Verdes” do municipio. Trátase de puntos de reciclaxe e recollida selectiva de residuos que estarán repartidos por todos os espazos rurais do Concello, completándose así o servizo de recollida selectiva de lixo existente dende hai anos no casco urbano. Para a colocación dos colectores tivéronse en conta os fluxos de poboación das diferentes vías do municipio, polo que os novos puntos instalaranse nas estradas principais que vertebran o territorio como son as de Santiago, Ordes, A Coruña, Caión, Razo e Malpica. Nos últimos días xa se teñen colocado as primeiras illas nos núcleos de Rús, Sofán e Berdillo (na imaxe), mentres que en vindeiras datas completaranse un total de 100 destes puntos coa incorporación de 165 novos colectores azuis de cartón e papel (un total de 79) e amarelos de envases lixeiros (86) aos colectores verdes de RSU (Residuos Sólidos Urbanos) e iglús de vidro xa existentes. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como os concelleiros Luís Lamas e Marcos Trigo quixeron realizar un chamamento á colaboración cidadá para conseguir que “participe a veciñanza”, en verbas de Lamas, o que repercutirá tanto na conservación do medio ambiente como no aforro de custos do servizo municipal de recollida de lixo.
Tamén hai que mencionar que a posta en marcha deste servizo é experimental nestes primeiros momentos, co obxectivo de analizar o seu uso por parte da poboación antes da colocación final de todos os puntos, xa que para a recollida do total a empresa concesionaria Urbaser-UTE Carballo, necesitará incorporar os novos camións de recollida que nestes momentos están en fabricación e que se incorporarán nos vindeiros meses. Os colectores instalados nesta primeira fase piloto serán procesados cos medios actuais de recollida semiautomática. Está previsto que todo o proceso estea rematado a primeiros do verán. En total colocaranse 33 colectores (16 de cartón e 17 de envases lixeiros) en Aldemunde, Artes, Berdillo e Sofán; 22 colectores (8 de cartón e 14 de envases) en Razo e Oza; 40 colectores (20 de cartón e 20 de envases) nas parroquias de Cances, Carballo, Goiáns e Sísamo; 46 colectores (23 de cartón e 23 de envases) en Bértoa, Vilela, Noicela, Rebordelos e Lema; e por último 24 colectores (12 de cartón e 12 de envases) estarán nas parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces. Esta iniciativa está enmarcada dentro do programa Carballo Limpo, unha iniciativa que comprende diversas accións destinadas a conservar o medio ambiente grazas á colaboración da veciñanza do concello. O servizo quere agradecer a colaboración dos cidadáns, que para obter máis información poden chamar ao 981 75 49 17, consultar a web www.carballolimpo.com ou acudir ao Twitter@CarballoLimpo.











