Carballo e Uruguai seguen a unir lazos coa visita do Embaixador Francisco Bustillo

Bustillo saudando a compatriotas
O Embaixador de Uruguai en España, Francisco Bustillo, vén de visitar o Concello de Carballo acompañado da Consulesa en Galicia, Marta Echarte -así como da Directora Comercial da Embaixada e persoal do Consulado- nunha estadía na que, ademais de ser recibido polo Alcalde, Evencio Ferrero, e numerosos membros da corporación, tivo a oportunidade de saúdar un por un ao arredor de medio centenar de compatriotas que se interesaron polo seu país e que se congregaron no salón de plenos da Casa do Concello. Bustillo, que leva tan só uns meses no cargo, expresou o seu “agradecemento por esta primeira visita a Carballo”, un lugar “no que tantos uruguaios teñen encontrado o seu fogar”, unha “terra fraterna e de acollida” á que quixo expresar con esta visita o seu “enorme recoñecemento”. O Embaixador quixo mencionar a próxima visita do presidente de Uruguai, José Mujica, que estará en Galicia a primeiros de xuño e, aínda que manifestou que Mujica non poderá visitar a vila, invitou a todos os uruguaios que o desexen a acudir a Santiago de Compostela, onde o Presidente “departirá con toda a colonia uruguaia en Galicia”. Despois de asinar no Libro de Honra do Concello, Bustillo entregou como agasallo o libro “Uruguay: el país, su historia y su gente”, mentres que recibiu de mans do Alcalde un carballo en cerámica de Sargadelos, unha árbore que Ferrero desexou “que produza moitas landras” e consolide a amizade con Uruguai.
Francisco Bustillo quixo lembrar o seu compromiso de visitar cada unha das cidades de España nas que vivan uruguaios, e subliñou que, entre elas, Carballo ocupa un lugar destacado tanto “polo enorme cariño que teñen atopado os uruguaios aquí”, como “porque se trata dunha colonia realmente importante”. Pola súa banda, o Alcalde quixo lembrar sonadas visitas de prominentes figuras uruguaias a Carballo, como a de Mariano Arana cando era Intendente de Montevideo; a do Ministro Eleuterio Fernández Huidobro, que foi acollido con emoción no salón de plenos; ou a de Marcos Gustavo Carámbula, Intendente do departamento de Canelones. Tamén mencionou o constante fluxo de poboación entre Uruguai e Carballo, primeiro coa chegada de numerosos uruguaios pola crise no seu país, agora co movemento inverso, tanto de uruguaios que regresan, como de galegos que marchan para aló. Bustillo finalizou a súa visita falando cos seus compatriotas, e expoñendo os seus obxectivos como Embaixador, entre os que está “seguir cultivando a excelentísima imaxe de Uruguai no exterior” ou contribuír a fomentar “a excelencia da clase política uruguaia” que obtén “recoñecemento a nivel internacional”. Despois de máis dunha hora coa comunidade uruguaia en Carballo, despediuse confraternizando cos membros da corporación.











