Irmanamento entre Carballo e L’Isle Jourdain coa visita de medio centenar de franceses

Visitantes franceses a Carballo
Arredor de medio centenar de veciños e veciñas da localidade francesa de L’Isle Jourdain visitan Carballo estes días da man do Comité de Irmanamento con esta vila coa que temos vencellos dende hai xa 19 anos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, e de numerosos membros da corporación, recibiu aos liloises que estiveron representados nos discursos pola presidenta do Comité de Irmanamento francés, Marie Delpeyroux; e pola Tenente de Alcalde de L’Isle Jourdain, Angèle Thulliez, xa que o Alcalde, Alain Tourne, non puido estar nesta visita por motivos de saúde, un feito que Ferrero lamentou debido á súa cordial relación co seu homónimo galo. Tanto Delpeyroux como Thulliez fixeron o esforzo de falar en castelán: a primeira para desexar “que continúe este entusiasmo, emoción e cariño” entre ambas vilas, xa que “L’Isle Jourdain síntese realmente unida a Carballo”; a segunda para expresar tamén a súa “emoción” pola súa primeira visita aquí e agradecéndolle a Ferrero por “ter pedido o sol para a nosa chegada”. Pola súa banda, o Alcalde carballés lamentou non poder recibir “aos nosos amigos franceses no seu idioma”, xa que aínda que “o tivemos que estudar, ensinábase sen pronunciar nin unha palabra en francés”. Pero puido expresar a súa gratitude pola visita “dun grupo tan numeroso” e desexando que “o que luza sexa sempre a amizade entre os pobos e entre as persoas”.
A presidenta carballesa do Comité de Irmanamento con L’Isle Jourdain, Carmen Rives, foi a encargada de traducir as palabras do Alcalde. Así, Ferrero tamén desexou que a “comunicación leal, intensa, fraternal e real entre L’Isle Jourdain e Carballo se manteña co paso dos anos”. Así mesmo, intercambiáronse agasallos tanto entre os comités de irmanamento como entre os concellos, con presentes que van dende produtos de beleza, viño e comida, ata esculturas de Cerámica de Buño ou libros. A delegación francesa estará na vila coas familias de acollida e nun hotel até o sábado 4, en que partirán de regreso a primeira hora. O martes 30 de abril está previsto que viaxen ás Rías Baixas, baixando ata A Guarda para ver o Castro de Santa Tegra e facendo noite en Valença de Minho, en Portugal. De regreso, o mércores pararán en Santiago antes de volver a Carballo. O xoves pola mañá está previsto que percorran o mercado e a vila, e que os membros máis novos do grupo visiten a aula bilingüe de francés do IES Monte Neme da capital municipal. Pola tarde, está previsto que coman en Balarés (Ponteceso) e visiten o Castro de Borneiro (Cabana). O venres pasarán o día na Coruña, mentres que pola noite está previsto celebrar unha pequena festa de despedida no Pazo da Cultura.











