Carballo e a Xunta ultiman o convenio do traslado das oficinas de Emprego ao Fórum

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, e do responsable do Centro de Formación, Juan Lorenzo, vén de manter unha xuntanza coa Xefa Territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo, para ultimar os detalles do traslado das dependencias da Oficina de Emprego (da Consellería de Traballo e Benestar) e das oficinas consellerías de Medio Rural e Mar (Oficina Agraria Comarcal) e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (neste último caso con seis persoas do distrito ambiental II do Servizo de Conservación da Natureza) situadas en distintos puntos da vila ao complexo Fórum Carballo. Durante a reunión examinouse o texto do convenio con detalle, estudándose os termos do acordo e coordinando os últimos fíos para que sexa ratificado o antes posible tanto pola Xunta como polo pleno do Concello carballés. As tres consellerías implicadas informaron favorablemente o pasado mes de febreiro a realización dos distintos trámites para adquirir un dereito de uso sobre os espazos do edificio (na planta baixa e andar 1 da nave 2 do Fórum) onde xa están situadas as oficinas do Centro Municipal de Formación e do servizo de Orientación Laboral do Concello. A cesión de uso sería gratuíta e por un prazo de 25 anos para poder desenvolver as actividades administrativas relativas aos departamentos citados.

As novas dependencias ocuparán un espazo de 900 metros cadrados e suporán para a Xunta o aforro dos aproximadamente 45.000 euros anuais que se invisten no pagamento de alugueres en locais para as oficinas destas tres consellerías en distintos puntos da capital municipal carballesa. O Concello espera que este traslado, ademais de supoñer un aforro para a administración autonómica sexa tamén unha vantaxe para os veciños e veciñas, que terán no mesmo edificio o servizo local de promoción do emprego e a oficina autonómica da mesma área, así como para a revitalización do barrio da Milagrosa. O recinto Fórum Carballo conta cun total de cinco edificios dos que dous están destinados a servizos administrativos e como espazo de exposicións e congresos (naves 1 e 2); e tres están destinados especificamente a acoller talleres formativos: as naves 3, 4 e 5. A 3 está reservada para os talleres de soldadura e pintura, módulos de electricidade e un taller de automoción. No edificio 4 atópanse as instalacións para o sector da hostalería e para os obradoiros de carpintaría de madeira e metálica, ademais de aulas e servizos asociados. Por último, no edificio 5 está a área dedicada á construción, cun espazo para o taller de cantería, e unha aula de informática.

12 de abril de 2013 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.