Carballo colabora nos labores para levar auga e saneamentos a 8.000 habitantes en Honduras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocalLocal Portada
A-
A+

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade colabora con 18.200 o proxecto da ONGD Enxeñería sen Fronteiras para planificar o acceso á auga e ao saneamento na comunidade de Monjarás, no municipio hondureño de Marcovia. O obxectivo da intervención é mellorar a calidade de vida das e dos 8.268 habitantes da localidade mediante un emprego sostible dos recursos. Para logralo fortaleceranse as capacidades do persoal técnico da Alcaldía co fin de elaborar un Plan de Xestión Integral do Recurso Hídrico para Monjarás. Este plan finalizaría en xullo tras doce meses de execución e permitirá axudar a un municipio situado nun departamento no que máis do 80 por cento da poboación vive en situación de pobreza. A rexión sofre asemade un importante deterioro ecolóxico no manglar pola existencia de numerosas camaroneiras e meloneiras, que verten abundantes residuos. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos -entre os que se atopa o de Carballo- e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

3 de abril de 2013 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.