Calvo salienta a xestión do Concello de Fene ao resolver obras de 2,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFeneLocalProvincias
A-
A+
Sinatura do convenio entre concello e diputación

Sinatura do convenio entre concello e diputación

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá un convenio de colaboración co alcalde de Fene, Gumersindo Galego Feal. A sinatura, que tivo lugar na Casa do Concello, ten como obxecto financiar a reparación das cubertas dos panteóns construídos durante a primeira fase do cemiterio municipal, a principios da década dos 80.

Con este acordo, levado a Pleno en marzo e aprobado por unanimidade, a Deputación da Coruña achegará preto de 200.000 euros a unha obra que, segundo asegurou o alcalde, “é moi necesaria porque un cemiterio de tantos anos precisa dunha reparación urxente”.

Tanto Diego Calvo coma Gumersindo Galego explicaron que este convenio substitúe a outro iniciado polos anteriores gobernos municipal e provincial e que tiña como obxecto actuar nun edificio protexido no parque Castelao. “Non se puido levar a cabo porque Patrimonio non concedeu os permisos necesarios, e tivemos que apurar os prazos para evitar que se perdera a subvención”, matizou o alcalde.

Do mesmo xeito, lembrou que coa sinatura deste convenio danse por finalizadas todas as obras subvencionadas pola Deputación que estaban paralizadas.

Fixo referencia, neste senso, ás obras incluídas nos Plans de Obras e Servizos desde o ano 2007 ata o ano 2011, e tamén ás actuacións previstas en tres Plans de Cooperación cos Concellos que, segundo apuntou, “no momento en que chegamos ao goberno, estaban sen comezar e en serio risco de quedar sen facer”.

Pola súa banda, Diego Calvo fixo especial fincapé na satisfacción que lle produce “ver como unha eficaz xestión municipal fai posible que en menos de dous anos se poidan executar obras que outros non foron quen nin sequera de iniciar nun mandato completo”.

En total, froito desta xestións desbloqueáronse actuacións por máis de 2,5 millóns de euros. Son, ademais da reparación das cubertas dos nichos comprometida hoxe e outros proxectos, as seguintes:

POS 2007: Dotación de servizos e pavimentacións no núcleo de Fene, cun importe de licitación de 325.881,69 euros.

POS 2008: Pavimentación Tras do Río e Lameira, e acondicionamento e pavimentación de varios camiños no núcleo de Fene, cun importe de 270.962 euros.

POS 2009: Pavimentación de camiños en Carqueixa-Punxeiro, e mellora da seguridade viaria na avenida Marqués de Figueroa. Estas obras licitáronse por un importe de 311.382,62 euros.

POS 2010. Asfaltado da travesía Vrea e rúa Penedo; abastecemento no Campanario e no Pereiro e saneamento no Redondo por un importe de 295.606,61 euros.

POS 2011. Abastecemento na rúa Unión, no camiño do Terreiro e no camiño de Ponte da Pedra (Maniños); saneamento na rúa Igrexario en Limodre, saneamento na estrada de Laraxe e saneamento e impulsión na Garita de Mariños cun orzamento de 269.214,89. Atópase en proceso de finalización.

POS 2012. Abastecemento e aglomerado do camiño da Igrexa Vella (Maniños), e pavimentación e saneamentos na avenida do Mar. Estas obras contan cun importe de 120.000 euros, xa que o goberno municipal, neste caso xa dirixido por Gumersindo Galego, decidiu destinar preto do 60% do total do plan a gasto corrente. Está totalmente executado.

Ademais, o Concello de Fene recibiu o ano pasado do Plan DTC 94 máis de 211.000 euros. Todas as obras incluídas neste proxecto están xa rematadas.

Para o POS deste ano 2013, xa aprobado pola Deputación, Fene contará con 255.026,70 euros, dos que 105.165,67 euros destinaranse a obras xa en proceso de licitación (saneamento en Laraxe-Souto de Cal, en Limodre, cun importe de máis de 44.000 euros; e pavimentación na área de San Valentín, por 60.000 euros) e o resto, preto de 150.000 euros, a gasto corrente.

11 de abril de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.