Brión albergará a exposición de pintura “Entredous”, de Manuel Ayaso e Alfonso Costa

Ayaso e Costa na inauguración da mostra
“Pequenos cadros pintados de xeito conxunto por dous grandes artistas aos que admiramos”. Con estas palabras o alcalde en funcións de Brión, José Pedro Cambón, inauguraba na noite de onte a exposición de pintura “Entredous”, dos artistas Manuel Ayaso e Alfonso Costa, que estiveron acompañados por medio cento de veciños e amigos. Unha mostra que poderá visitarse na sala de exposicións de Brión ata o vindeiro 16 de maio.
Manuel Ayaso convidou a toda a veciñanza de Brión a visitar “Entredous” xa que “hai que mirar as obras, entrar nelas, entrar nese mundo alegórico porque o que mira unha obra é tamén parte da creación. E os artistas sempre deixamos unha parte por rematar para o espectador”. Neste sentido, Alfonso Costa indicou que Ayaso “en cada debuxo está mirando ao espectador”.
Ambos artistas destacaron a importancia do debuxo na arte. “Hai que valorar a obra creativa, pero os debuxos son os cimentos dunha obra”, explicou Alfonso Costa. “Ultimamente non hai moita xente que saiba debuxar ben”, lamentou Manuel Ayaso, quen se declara “máis debuxante ca pintor”.
Un cadro, dous artistas
Finalmente, ambos artistas fixeron referencia á orixinalidade desta exposición, nas que cada un deles preparou unha serie de debuxos que foron complementados polo outro. Para Alfonso Costa, esta exposición é un reflexo do “respecto que nos temos mutuamente, pois hai que unirse pero sen estropear o traballo do outro”. “Este home non pode estropear nada”, apuntou Manuel Ayaso, xa que “temos un respecto mutuo pola arte”.
A complicidade que amosaron onte ambos artistas durante a inauguración da exposición tamén se reflicte nos seus caros. “Unha obra común de dous artistas nas que cada un achega parte do seu xenio creativo. Onde o pintado por cada un servía para inspirar ao outro”, explicou Alberte Álvarez, técnico de Cultura de Brión. “Ayaso ten reminiscencias surrealistas, cun mundo de trasnos e monstros. Costa aborda todo tipo de temáticas dende o seu expresionismo lírico. Unha dualidade que tan ben se complementa nesta exposición”, sinalou Alberte Álvarez.
Ayaso e Costa
Manuel Ayaso (Aguiño – Ribeira, 1934) estudou belas artes na Newark School of Fine and Industrial Arts of Newark, en New Jersey, e logrou expoñer con recoñecemento do público e da crítica en diferentes museos de New York, México, na cidade do Vaticano, España e, por suposto, Galicia. Da súa xente e da súas paisaxes de Aguiño, lugar onde naceu, nace toda a inspiración que un artista coma el precisa para poñerse a crear. É un excepcional debuxante, imaxinativo, irónico, que participa tanto do esperpento valleinclanesco coma do maxicismo de Joan Ponç. Reminiscencias surrealistas latexan constantemente na súa obra, emparentable con artistas como Laxeiro ou Eugenio Granell. Trasnos, bruxas, monstros, figuras do onirismo e pesadelo poboan os seus cadros, sentidos deliberadamente como ilustración para unha literatura fantástica, humanizando o absurdo ou exacerbando o inquietante.
Alfonso Costa (Noia, 1943) ten en común con Ayaso o ter nacido nunha vila mariñeira e tamén a súa pronta marcha lonxe da terra, neste caso a cidade de Barcelona, a onde parte con 17 anos. Alí medra como artista, traballando incansablemente ata adquirir o prestixio e recoñecemento que a súa calidade e estilo lle merecen. Ademais da pintura Alfonso tamén cultiva a escultura e a poesía. A súa capacidade de traballo e imaxinación parecen inesgotables, como constatan todas as actividades realizadas nos últimos dez anos: colabora en diversas publicacións, deseña carteis e trofeos, participa en diversas exposicións en Galicia e no exterior, pinta varios murais (como a cúpula do Liceo de Noia), realiza esculturas públicas… Unha intensa carreira que Costa resume dicindo: “eu cada día nazo ao arte”.











