Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces asinan o convenio de aforro enerxético

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónLocalLocal PortadaVedraVila de Cruces
A-
A+
Sinatura do convenio entre os representantes locais

Sinatura do convenio entre os representantes locais

A Casa do Concello de Vila de Cruces acolleu no día de hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces para a xestión compartida do proxecto de mellora da eficiencia enerxética e iluminación pública, no marco da Resolución do Inega do pasado 7 de marzo do presente ano.

Mediante o referido convenio créase una agrupación dos tres municipios baseado no principio xeral de colaboración interadministrativa, en aras dunha mellora coordinación e eficacia administrativa, minorando así os custos dunha prestación aillada. Os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na referida resolución do 7 de marzo pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para o ano 2013 de aforro e eficiencia enerxética a proxectos de renovación das instalación de iluminación pública exterior existente nos Concellos de Galicia, no marco do convenio subscrito entro o IDADE e o Inega en xullo de 2008 e con financiamento en parte procedente de fondos comunitarios derivados do Programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.

A xestión deste proxecto é realizada polo Concello de Vila de Cruces que actuará como concello representante e que será a entidade promotora que levará a cabo todo o relacionado coa xestión do proxecto, aspectos materiais, técnicos e de servizo.

Neste senso, no mesmo convenio de colaboración acordouse nomear ao Alcalde de Vila de Cruces como o coordinador, interlocutor, preceptor e xustificador da axuda solicitada, comprometéndose os demais Concellos á execución e aplicación solidaria da axuda.
O importe total da axuda solicitada ao Inega ascende á 124.315,21 €, que se desglosa por municipios do seguinte xeito; 57.800,46 para o Concello de Vila de Cruces, 59.365,63 para o Concello de Vedra e 7.149,10 para o Concello de Boqueixón.

A axuda do Inega poderá ser como máximo do 85 % do total solicitado, tendo que aportar os Concellos o restante 15 %.

Na sinatura do convenio de colaboración estiveron presentes Jesús Sanjuás Mera, alcalde do Concello de Boqueixón, Carlos Martínez Carrillo, alcalde de Vedra e Jesús Otero Varela, alcalde de Vila de Cruces acompañado do edil de Comercio e Industria José Luis Villaverde Gestal.

11 de abril de 2013 | 15:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.