Benestar Social de Ferrol traballan no eido da prevención para evitar casos de emerxencia social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira responsable da Área de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, deu conta hoxe dos recursos dos que dispón a Administración municipal para facer fronte a casos de emerxencia social, como son os desafiuzamentos, entre outras situacións críticas. “Ninguén en Ferrol queda na rúa por un desaloxo, posto que en Benestar estamos dando resposta a todos os casos que se presentan”, asegurou Martínez Beceiro.

Nesta liña, a titular de Benestar Social  ficho un chamamento ás persoas e familias que se atopen nunha situación de dificultade que lles impida facer fronte a un aluguer ou ás necesidades básicas diarias a que acudan ás Unidades de Servizos Sociais que o Concello de Ferrol ten descentralizadas en Caranza, Ensanche, Zona Rural e Zona Centro, co obxectivo de que estas persoas teñan información directa sobre todos os recursos que poden ter ao seu alcance. Ao respecto, Martínez Beceiro encomiou “o traballo, esforzo e profesionalidade” dos membros das Unidades de Servizos Sociais do Concello de Ferrol; e avogou en varias ocasións pola prevención, posto que “en moitos casos estamos ante situacións dramáticas que se poderían ter evitado se estas persoas acudiran con antelación aos servizos sociais”.

Así, a responsable de Benestar Social detallou os servizos que presa o Concello de Ferrol, como a tramitación de axudas de emerxencia para o pago de aluguer do que se fai cargo a Xunta de Galicia, axudas puntuais de aluguer, hipotecas, alimentos, roupa ou facturas de servizos básicos como a luz ou a auga. A estas axudas, hai que engadir outros servizos de carácter municipal como os Comedores Sénior para persoas maiores, becas de comedor escolar –que neste mandato carecen de lista de espera posto que o orzamento que Benestar destina a esta prestación non ten teito de gasto- ou as axudas para o fogar infantil. “En previsión de que, debido ás excepcionais circunstancias que produce a crise, aumentara o número de persoas que recorren a estas axudas de emerxencia, o goberno municipal decidiu incrementalas en máis de 100.000 euros este ano até alcanzar a cifra de 250.000 euros”, lembrou Martínez Baceiro.

Axudas a aloxamentos

No que levamos de exercicio, entre xaneiro e abril, a Área de Benestar Social do Concello de Ferrol concedeu 42 axudas para o aloxamento de familias con menores ao seu cargo, o que supón un gasto social de 15.249 euros. O ano pasado, o Concello de Ferrol tramitou un total de 422 axudas de emerxencia social e outras 153 para o pago de aluguer, o que supuxo un desembolso de 117.500 euros.

“Trátase de previr situacións de emerxencia social, non soamente de achegar axudas económicas”, sinalou a edil ferrolá. Ademais, Martínez Beceiro quixo salientar o traballo que fan os voluntarios así como a rede de entidades sociais da cidade, coa que “traballamos de maneira coordinada e que prestan servizos que complementas as axudas que reciben do Concello as persoas e familias que as necesitan”, concluíu.

8 de abril de 2013 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.