O Concello de Lalín recepciona os alimentos por valor de 3.500 euros donados por unha empresa local

Paz Pérez e Rafael Cuíña na recepción dos alimentos
Paz Pérez afirma que “desde o Concello de Lalín agradecemos esta importante colaboración realizada por Inasus que reuniu esta significativa cifra grazas ás achegas dos xerentes da empresa e tamén grazas ao esforzo dos propios traballadores, a cada un dos que queremos agradecer a súa colaboración altruista para facer posible esta iniciativa solidaria”
A concelleira de Benestar e Emigración, Paz Pérez, informa que “na tarde de onte vimos de recepcionar no Centro Comercial Gadis-Haley os alimentos, por valor de 3.528,48 euros, que a empresa Inasus adquiriu atendendo ás indicacións que lle demos desde o departamento de servizos sociais respecto a que tipo de produtos mercar, a maior parte deles non perecedoiros, e que serán destinados ás familias lalinenses con necesidades básicas”.
Paz Pérez transmitiu a Alberto Cuíña, director adxunto de Inasus presente no acto de recepción de alimentos, “o agradecemento en nome do Concello de Lalín por esta icolaboración realizada por esta empresa lalinense que reuniu esta importante cifra económica grazas ás achegas dos xerentes da empresa e tamén aos propios traballadores de Inasus -50% de recadación cada unha das partes-, a cada un dos que lle damos as grazas por facer posible esta nova acción solidaria”, remarca.
A maior parte desta contribución solidaria de Inasus ao Concello de Lalín foi destinada á adquisición de alimentos non perecedoiros: legumes, pastas, azúcar, café, galletas, aceitunas, conservas, aceite e leite. Por tipo de produto, as maiores cantidades corresponden a: leite, con 864 litros; pastas, en total máis de 700 quilos; aceite -240 litros de oliva e 120 de xirasol-; 200 latas de sardiñas; 150 latas de mexillóns; 320 de atún; 248 cartóns de tomate frito; 100 caixas de galletas; 72 paquetes de café; 80 quilos de azúcar; 24 botes de cacao soluble, ademais de cereais -48 paquetes-; maionesa -48 botes-; aceitunas, sopa en sobres, etc. Todos estes alimentos serán distribuídos entre os meses de abril a maio, a través de Protección Civil ás familias con menos recursos. Tamén colaborarán persoas voluntarias na carga e descarga dos materiais.











