Benestar pon en marcha un ciclo de charlas sobre prevención e seguridade das persoas maiores
A Concellería de Benestar e Emigración que dirixe Paz Pérez, a través do Centro de Información (CIM) pon en marcha, en colaboración coa Garda Civil, un ciclo de charlas dirixidas á prevención e mellora da seguridade das persoas maiores. Con este fin desde o dito departamento municipal estase a traballar no deseño dun cronograma para a impartición das ditas sesións informativas que se enmarcan dentro do “Plan Mayor” do Ministerio do Interior dirixido á mellora e seguridade dos nosos maiores.
As charlas que serán ofrecidas polo capitán do Cuartel da Garda Civil de Lalín, Antonio Sánchez, tratarán sobre temas de seguridade que poden afectar ás persoas maiores tales como roubos nos seus domicilios, roubos e furtos no entorno das entidades financeiras, tiróns, estafas, uso fraudulento das súas propiedades, dos seus fondos, contas e cartillas de aforro, así como sobre situacións de maltrato, nas súas diferentes formas.
Paz Pérez indica que “ao mesmo tempo que se asesora ás persoas maiores sobre temas de seguridade e maltrato tamén se trata con estas charlas de fomentar a súa confianza nas Forzas e Corpos de Seguridade e no desenvolvemento de condutas proactivas para a denuncia das situacións e delitos dos que poidan ser vítimas”.
CALENDARIO
Paz Pérez anuncia que as charlas vanse impartir durante os meses de abril e maio. “Inicialmente -sinala- está previsto dar seis, unha delas en Lalín e as restantes no ámbito rural, aínda que dependendo da resposta e da demanda podemos valorar impartir algunha máis”. “Agradecemos a colaboración brindada pola Garda Civil para facer posible este programa de charlas informativas sobre seguridade para as persoas maiores”, precisa.
O ciclo de sesións está previsto que se inicie o vindeiro venres, 12 de abril, na parroquia de Bendoiro -hora pendente de fixar- e continuarase o venres, 19 de abril en Vilatuxe (17 horas, centro social). O 24 de abril impartirase en Cercio, ás 16.30 horas no pavillón.
Xa no mes de maio Donramiro será a parroquia na que se dará estas charlas enmarcadas dentro do “Plan Mayor”: será o venres, 3 de maio, ás 17.00 horas no centro social para continuar ao venres seguinte, 10 de maio en Goiás (17.00 horas, no centro social).
A última deste ciclo de sesións informativas será a que se dea en Lalín o venres 16 de maio. Será as 17.00 horas no Museo Municipal e ao igual que as restantes, a cargo do Capitán Xefe da 5ª Compañía de Lalín, Antonio Sánchez.











