Batán indica que o mercado dos sábados, que amplía o número de participantes, arrancará en xuño
María José Batán, concelleira de Actividade Económica, Comercio Emprego, informa que “o encontro de onte serviu para seguir avanzando na coordinación e organización do mercado dos sábados, namentres se vai ampliando o número de persoas interesadas en participar”. “Na reunión de onte se valorou que a primeira feira sabatina se celebre no mes de xuño, dado que a entrada do bo tempo se retrasou este ano, polo que habería máis cantidade de produto en xuño”, precisa. “Ademais, deste xeito, a xente terá máis tempo para irse sumando progresivamente ao proxecto”, comenta.
Batán explica que “coa entrada do verán e o bo tempo tamén se facilita o arranque, pois a nivel de medios e localización dos produtos, o feito de que os stands non teñan que estar cubertos, na maioría dos casos é máis cómodo”.
“Así mesmo entre os participantes na xuntanza de onte -un total de 15 persoas entre alimentación e artesáns, aos que hai que sumar outros que participaron na primeira reunión e que estarán no mercado sabatino- acordouse iniciar canto antes a campaña de difusión, aspecto no que se está a traballar, co obxectivo de que a campaña de difusión e de promoción se faga dentro e fóra da Comarca”, sinala Batán.
“Na reunión tamén se explicaron de novo os requisitos e as bases mínimas, sobre todo, para a xente que se incorporou de novo e se trasladaron todas as facilidades desde o Concello para a etapa inicial apoiando aos vendedores e facilitando a implantación que será de xeito paulatino e progresivo”, puntualiza.
María José Batán anuncia que “a seguinte fase será expoñer o proxecto ás distintas parroquias do rural a través de charlas informativas para sumar novos participantes ao mercado dos sábados e deste xeito se animen a participar traendo os seus produtos excendentes para a venda, de xeito que lle poidan servir incluso de complemento económico”.











