Barrantes prepárase para a XLI Festa do Viño Tinto do Salnés con catas parroquiais
A XLI Festa do Viño Tinto do Salnés comeza en Barrantes coas primeiras catas por parroquias. A comisión da festa xa deu a coñecer as datas e os lugares nos que se realizarán as catas, que van comezar o sábado, 4 de maio, en Lois, Besomaño, Padrenda e Leiro. Realizaranse nos centros sociais nos tres primeiros casos e na Taberna de Farmiñán, de Leiro, a partir das 22.00 horas.
As normas inclúen a presentación de seis botellas tipo bordalesa para as catas preliminares os días das propias catas. Cada adega só pode presentar un máximo de dous viños. As catas do viño tinto tipo Barrantes continuarán o martes, 7 de maio, en Cobas (Loureiro Pombo) e o mércores, día 8, en Ribadumia (Loureiro Berto “O Serradero”), ás 22:00 horas en ámbolos dous casos. Xa o día 11, tamén ás 22:00 horas, as catas faranse nas parroquias de Sisán –Centro Social-, Baión –lugar de costume- e San Martiño de Meis –casa de D. Mario Amoedo Abal-. As catas en Barrantes, no furancho de José Manuel “O Mango” faranse o venres e o sábado, días 17 e 18 respectivamente. Neste último día tamén se realizarán as probas en Vilariño, no bar Ye-Yé. A precata para clasificar os doce viños tipo Barrantes para a final farase os días 28 e 29 de maio.
As primeiras catas da categoría de viños autóctonos será o 23 de maio, ás 20:00 horas, no Centro Social de Barrantes. Os participantes dispoñen ata o xoves, 11 de maio, para presentar seis botellas no establecemento Comercial Agrícola Piris, en Ribadumia, para envialas a analizar ao Centro Enolóxico de Leiro. Cada adega pode presentar un máximo de dous viños.
Stands na festa
O Concello de Ribadumia xa abriu o prazo para que todos aqueles colleiteiros que estean interesados en participar na venta de viño durante a celebración da festa de Barrantes soliciten a súa participación nos stands de venda. Deben pasar polas dependencias municipais ou poñerse en contacto con calquera dos membros da Comisión de Festas. Como en todas as edicións, os postos de venda de viño situaranse na carpa habilitada na avenida Bouza Martín.











