Baiona implanta o programa “Wiz” para tomar medidas e garantir un futuro con auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal
A-
A+

Este é o obxectivo da implantación en Baiona do programa Wiz (Waterize Spatial Planining), dirixido a mellorar a xestión da auga potable e os procesos asociados coa planificación urbana nun escenario marcado polo cambio climático e a presión sobre a auga, derivada tanto do desenvolvemento urbanístico como de novos e intensivos usos.

Sempre co mesmo fin, Baiona dá un paso máis e habilita un enlace na Pag. Web do concello (www.baiona.org) para consultar todo o que se necesita saber sobre o servizo da auga.

WIZ é un proxecto cofinanciado polo programa LIFE da Unión Europea de carácter ambiental, centrado na xestión da auga e está sendo desenvolvido por Instituto Tecnolóxico de Galicia, unha fundación privada sen ánimo de lucro constituída en 1991 e declarada de interese galego pola Xunta de Galicia no mesmo ano.

O citado proxecto, de carácter innovador está orientado ao desenvolvemento de solucións que permitan demostrar como se pode ter en conta o estado actual e futuro dos recursos de auga á hora de tomar decisións relacionadas coa planificación urbana e territorial.

A implantación do sistema WIZ en Baiona permite dispoñer de sistemas de información on line, accesibles a través de internet mediante o cal os axentes involucrados nos procesos de planificación territorial accesos á información para coñecer os procesos de oferta e demanda, formulando escenarios de dispoñibilidade en función de factores como o cambio climático, as variacións de poboación, ou do turismo entre outros.

O concello de Baiona é pioneiro na súa implantación en Galicia, e é froito dun convenio de colaboración asinado entre Jesús Vázquez Almuiña e Rafael Louzán Abal a través do cal Baiona mellora, e pon en valor toda a información xa existente á hora de analizar a xestión da auga a longo prazo, planificala territorialmente e aumentar o coñecemento e a participación pública, implicando cidadáns e empresas; así como incrementando a cooperación transnacional con outros proxectos europeos.

Durante a firma do convenio o alcalde de Baiona manifestou a súa satisfacción e agradecemento á Deputación provincial por ter en conta este municipio á hora de poñer en marcha este proxecto piloto. “A Implantación de WIZ permitiranos coñecer novos sistemas e polo tanto a tomar decisións que ata agora non puideramos facer por descoñecemento”.

O presidente da Deputación coincidiu co alcalde en sinalar que temos que concienciarnos de que a auga non é un recurso inesgotable, e así estámolo a comprobar os últimos anos. “Temos que implicarnos, e sobre todo, primar ás empresas e familias o aforro da auga”. Tamén sinalou que Baiona será referente á hora de implantar este servizo noutras localidades.

Recordar que o pleno do Concello aprobou en 2011 o Regulamento de xestión do uso eficiente da auga. No documento recóllense as normas que rexerán o abastecemento domiciliario da auga potable e o seu control sanitario; a rede de sumidoiros; o tratamento de augas residuais, etc.., También inclúese no documento o exercicio de calquera outra función establecida na presente Lei ou o resto do ordenamento xurídico de aplicación.

Por outra parte, tendo en conta que a auga é un ben escaso e polo tanto faise necesario un uso responsable desta, o concello de Baiona tamén aprobou en sesión plenaria a modificación da Ordenanza Fiscal que regula a taxa por prestación de servizo de abastecemento de auga en todo o termo municipal que ten como fin premiar o aforro e penalizar o abuso de consumo. Tamén se procedeu á revisión exhaustiva da rede co fin de non desperdiciar auga a causa de fugas eventuais.

2 de abril de 2013 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.