Baiona dispoñerá en breve dunha oficina de turismo virtual
Este novo servizo orientará aos usuarios de todos os recursos dispoñibles ao seu arredor, independentemente do lugar do municipio en que se encontre.
A posta en marcha deste novidoso sistema, supoñerá segundo sinala a responsable do departamento de Turismo, María Iglesias, contar cunha nova ferramenta tecnolóxica de grande utilidade para o sector turístico que complementa o servizo de información presencial que se ofrece ao turista que visita a Vila durante todo o ano.
A oficina de turismo virtual de Baiona poñerase proximamente en funcionamento a través dunha aplicación de móbil, incluída nunha rede dispoñible en todos os municipios pertencentes á asociación Villas Marineras, formada por poboacións de Galicia, Asturias e Cantabria con características parecidas a Baiona.
Este proxecto estará baseado na realidade aumentada, que é unha tecnoloxía que combina imaxes reais con información turística virtual, permitindo que o usuario obteña información ao momento no seu dispositivo móbil sobre monumentos, empresas de aloxamento e restauración, festas e eventos, entre outros.
Ademais da información dispoñible, a geolocalización dos recursos a través da aplicación Layar, permite que o turista capte imaxes a través da cámara do seu Smartphone e automaticamente na pantalla apareza a distancia á que se encontra un monumento, un restaurante ou unha empresa turística, por exemplo. Esta aplicación permite dividir a información en capas, co cal se poderá elixir o tipo de información que se necesita en cada momento.
A posta en marcha da Oficina de Turismo Virtual baseada na realidade aumentada, moi pouco estendida en Galicia, supón un paso adiante de Baiona na utilización das novas tecnoloxías aplicadas a destinos turísticos.











