Ata o 11 de maio poden solicitarse as subvencións municipais para asociacións sen fins de lucro
As asociacións culturais, deportivas e de caracter social do Concello de Tomiño, teñen ata o día 11 de maio (inclusive) para presentar as solicitudes e demais documentación, para obter as subvencións municipais cuxas bases e convocatoria foron publicadas no BOP (Boletín Oficial da Provincia) o día 11 de abril pasado.
Coma se recolle nas bases da convocatoria (que tamén poden consultarse na páxina web do Concello (www.concellotomino.com), as asociacións beneficiarias terán que ser sen fins de lucro e traballar no eido da cultura, deporte ou entidades de caracter social. O orzamento disposto para este ano é de 50.000 euros (Cultura); 40.000 euros (Deportes) e 15.000 euros (Entidades de caracter social).
A documentación poderá presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da lei 30/1992 de Réxime Xurídico das administracións e do Procedemento administrativo común.
Os demais requisitos e indicacións para presentar as solicitudes e documentación necesaria, figuran nas devanditas bases (BOP do 11 de abril ou páxina web do Concello de Tomiño).











